publicidade hoxe

A SELAE convoca a contratación dun punto de venda mixto de loterías en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Desde o pasado 5 de febreiro está aberto o prazo de presentación de propostas para concorrer á convocatoria de contratación dun punto de venda mixto de loterías. Neste procedemento -iniciado pola Sociedad Estatal de Loterías y Apuestas del Estado S.A. (SELAE)- poden participar as persoas titulares de negocios tales como bares, librarías, panaderías e outros comercios con atención ao público, xa que este tipo de puntos de venda deben ir asociados a outra actividade. O prazo para presentar as solicitudes na delegación comercial deste organismo na Coruña remata o 5 de marzo.

Algúns dos requisitos para optar ao contrato son o de dispor dun local cunha superficie superior aos 10 metros cadrados -agás que sexa un quiosco- e que as persoas solicitantes, tanto físicas como xurídicas, sexan titulares dun negocio que estea en funcionamento e aberto ao público no sitio que se ofrece como punto de venda. Neste sentido cabe destacar que o punto de venda -nomeadamente o espazo do “Rincón de los juegos”- non pode exceder o 50% da superficie total do negocio principal.

Entre outras cuestións que valorará a SELAE para facer a adxudicación están o interese comercial do negocio existente, as xornadas e horarios de apertura, a antigüidade, a situación, a proximidade a outros negocios -como estancos, bancos ou farmacias-, que haxa sitio onde aparcar, que o local sexa ben visible, etc.

O que oferta a SELAE é un contrato cunha duración de 10 anos prorrogables. Iso si, hai que cumprir uns obxectivos mínimos de facturación anual, xa que o organismo estatal resérvase o dereito de rescindir o acordo se non se alcanzan os 40.000 euros no segundo ano de exercicio.

Facerse cun punto de venda de lotaría é unha oportunidade moi apetecible para calquera negocio, e máis aínda no territorio de San Sadurniño onde os puntos máis próximos están en Moeche e en Neda. O contrato leva aparellada unha remuneración do 5,5% do importe bruto da venda de La Pimitiva, Bonoloto, El Gordo de La Primitiva, Euromillones de Quíntople Plus e Lototurf; o 6% de La Quiniela, Quinigol e Lotería Nacional -agás no sorteo de nadal, que será do 4%-. Ademais, por premios pagados tamén haberá remuneración: un 2,5% do importe anual sempre que se superen os 240.000 euros pagados en premios e un 1,25% se o importe total é menor.

San Sadurniño e Mañón son os dous únicos lugares da provincia da Coruña onde a SELAE convoca este proceso de contratación. Toda a información está na web deste organismo, onde se establece que o prazo para presentar a documentación remata o 5 de marzo ás 12.00h. As solicitudes haberá que entregalas -ben en persoa ou ben por correo certificado- na Delegación comercial, situada na Rúa do Hospital nº 23, c.p. 15002, A Coruña.

18 de febreiro de 2015 | 11:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.