A sala de cine 3D da Domus renova a súa carteleira con ‘Titanes de la Edad de Hielo’

Unha escea da proxección
A Concellaría de Cultura, a través dos Museos Científicos Coruñeses, informa de que mañá, sábado 7 de febreiro, a sala de cine 3D da Domus estrea “Titanes de la Edad de Hielo”. A película proxectarase todos os días: de luns a venres, ás 17.00 horas; e os sábados, domingos e festivos, ás 12.00, 13.00, 17.00 e 18.00 horas.
A sala de cine 3D da Domus renova a súa carteleira. Dende mañá sábado proxectarase a película “Titanes de la Edad de Hielo”, que transporta os espectadores ás belas paisaxes xeadas do hemisferio norte de hai 20.000 anos. É unha viaxe a través de monumentais glaciares e frondosas pradarías cheas de vida, paisaxes rodadas nas Montañas Rochosas, o Parque Nacional de Yellowstone, Alasca e as Grandes Chairas de América do Norte.
Aquela era cobra vida da man dos tigres dentes de sabre, os mamuts, os preguiceiros e os seres humanos prehistóricos, que loitaron por sobrevivir nun ambiente inhóspito, rodeados de maxestosas bestas. As escenas que protagonizan, cheas de realismo, foron recreadas por ordenador traballando en coordinación cun equipo de científicos, cuxa achega permitiu construír un relato non só entretido, senón tamén revelador.
Entre as historias que narra a película está a de Lyuba, unha cría de mamut que viviu hai 42.000 anos, considerado o exemplar máis completo e mellor conservado do mundo. Os seus restos momificados, achados en Siberia, conserváronse durante miles de anos baixo o chan conxelado, ata que ao derreterse os deixou ao descuberto. E tamén presenta a Zed, un mamut adulto cuxo esqueleto, o máis completo encontrado ata agora, apareceu baixo o chan dun aparcadoiro de Los Ángeles, California.
“Titanes de la Edad de Hielo” descobre os espectadores un mundo cambiante, un tempo no que se sofren novas presións ecolóxicas, e invita a reflexionar sobre o posible destino dos mamíferos actuais. A medida que o planeta se quenta e que as accións dos humanos ameazan a supervivencia de miles de especies, a pregunta que se deixa no aire é poderían desaparecer os grandes animais actuais -elefantes, bisontes ou tigres- ao igual que se extinguiron os seus antepasados da Idade de Xeo.











