A recollida de papel e cartón incrementouse en 2014 mentres que os envases lixeiros descenderon lixeiramente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A recuperación de papel e cartón para o seu posterior reciclado incrementouse o ano pasado en Vilagarcía un 3,7% respecto ao exercizo anterior. Este resultado rompe a evolución decrecente dos dous últimos anos, ao contrario que o que acontece coa recollida de envases lixeiros, que en 2014 diminuíu un 1,5% respecto ao ano anterior. A correcta práctica da recollida selectiva por parte dos cidadáns resulta positiva tanto para o medio ambiente, posto que se reduce a contaminación e se aproveitan os recursos mediante a reutilización e reciclaxe, como para a economía local, posto que a recuperación destes materiais adelgazan a bolsa do lixo orgánico que se bota nos contedores verdes e cuxa xestión págase a Sogama en función do peso.

A empresa Coregal é a encargada de recoller e xestionar a parte da recollida selectiva correspondente aos contedores azuis (papel e cartón) e amarelo (envases lixeiros de PVC, plástico, latas e briks). Sumando os dous apartados, a cantidade destes materiais recuperados en Vilagarcía en 2014 sumou 1.172.870 quilos.

A memoria facilitada pola firma desvela que o ano pasado os vilagarciáns depositamos no contedor azul do cartón un total de 573.420 quilos deste material, o que supón 20.720 quilos máis do que se recolleu en 2013. A cifra supera tamén á do ano 2012 sen chegar aos 679.970 do ano 2011.

A cantidade de envases lixeiros depositados nos contedores amarelos chegou aos 599.450 quilos, 9.280 quilos menos que os recollidos en 2013.

Unha bolsa de lixo algo máis avultada

Independentemente da recollida selectiva, na xestión de residuos sólidos urbanos dunha cidade ten un peso moi importante na economía local o lixo de carácter orgánico, o que popularmente denominamos como bolsa do lixo. Trátase dos desperdicios que non son susceptibles de ningún tipo de reciclado e que se depositan no contedor verde convencional. Neste punto, os vilagarciáns xeraron en 2014 un total de 14.317.900 quilos de lixo. Segundo os datos facilitados pola empresa concesionaria do servizo de recollida, Cespa-Inusa, o pasado ano incrementouse nun 3,4% a cantidade de desperdicios orgánicos recollidos no municipio o que, en cifras absolutas traduciuse en 472.500 quilos máis que en 2013.

27 de febreiro de 2015 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.