A primeira vitoria do ano para o Santiago Futsal chega en terras tinerfeñas

Encontro Uruguai Tenerife – Santiago Futsal
Santiago Futsal necesitou varios minutos na pista do Pavillón Central de Santa Cruz de Tenerife para conseguir o dominio do partido. Serían os locais os que terían a primeira ocasión do encontro por medio de Josué Cancio, pero Iker estivo rápido baixo paus para evitar o gol tinerfeño.
Non obstante, tras a ocasión celeste, Santiago Futsal faríase co control do xogo e gozaría das máis claras para adiantarse no marcador. Felipe salvaría cos pés un tiro de Iván Rumbo e, posteriormente, Dani ‘Chinés’ cun potente tiro dende fóra da área e Lucho probarían ao meta local, que estaría acertado para salvar os seus. Nunha primeira parte na que os equipos estarían mellor en defensa que en ataque, os de Santiago estarían rápidos nas contras para poder facer o primeiro. Volvería tela Iván Rumbo pero o seu tiro estrelaríase na madeira.
Sería Pablo Tallón o que anotaría o primeiro para os galegos transcorridos 13 minutos da primeira parte nunha combinación perfecta con Hugo Sánchez. Co marcador a favor, os visitantes buscaron o segundo antes do descanso, sendo superiores ao seu rival, pero non se movería o marcador ata a segunda parte.
Na segunda parte, Gallego anotaría o segundo para os seus aos 7 minutos da reanudación nun bo roubo de balón en defensa do conxunto branco que o arxentino remataría ao fondo da rede. O capi ‘Lucho’ marcaría o terceiro para os seus só tres minutos despois, cun tiro dende case media pista que deixaba así o encontro case pechado para os galegos a falta de 10 minutos para o final.
Pero Uruguai Tenerife sairía dende ese momento con porteiro xogador á pista, e o Santiago Futsal tería que empregarse cunha boa defensa para frear o equipo local. A falta de tres minutos para o final, Yeray faría o único tanto celeste que pechaba o marcador co 1-3 definitivo.











