A primeira metade condenou ao Prone Lugo F.S. en Jumilla

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLugo
A-
A+
Encontro Jumilla - Prone Lugo

Encontro Jumilla – Prone Lugo

Chegaba o Prone Lugo F.S. a Jumilla coa intención de queimar as súas balas no que se podía considerar a final das finais para os de Manolo Vázquez, xa que unha vitoria poñeríaos a sete puntos da salvación, mentres que unha derrota deixaríaos nunha situación moi complicada. Non chegaba o cadro de Manolo Vázquez nas súas mellores condicións posto que o técnico lucense non ía poder contar con Rubén Mouriz, nin con Diego Fente nin con Javi Río, mentres que Iago Rodríguez e Manuel María xogarían a pesar do proceso gripal que sufrían, o que limitaba moito as rotacións.

O partido non empezaba do mellor xeito posible para os intereses dos lucenses, pois no minuto 4 o marcador xa reflectía a vantaxe local por 2-0, con dous goles de Pichi No minuto 10 Aarón aproveitaba un rexeite para poñer o 3-0 no marcador e poñer o partido moi costa arriba para os lucenses cando soamente transcorrera un cuarto do partido. Nos últimos minutos da primeira metade Manolo Vázquez trataba de meter ao seu equipo no partido colocando sobre a pista o porteiro xogador, pero non lle daría o froito desexado, pois nun roubo de balón Pizarro ía poñer o 4-0, xusto antes do descanso Pichi lograba materializar un dobre penalti para poñer no marcador un 5-0 que parecía insalvable por un Prone mermado polas escasas rotacións.

Nada máis volver dos vestiarios Pizarro lograba o sexto da tarde, o que si cabe complicaba máis a situación para os lucenses. Cristián lograría anotar dous goles nos minutos 27 e 28 para poñer o 8-0 no marcador, o goleador Carlos Corvo non faltaría á súa cita co gol poñendo así o 9-0. Nacho Pedraza lograría a falta de 5 minutos o gol da honra para o Prone Lugo F.S. ao lograr bater a Chico desde o punto de penalti, nos últimos minutos o marcador non se ía a mover máis, quedándose no definitivo 9-1, un resultado que achega o Montesinos Jumilla á salvación e que a complica moito para o Prone Lugo F.S.

14 de febreiro de 2015 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.