A primeira escola infantil pública de Salvaterra porase en marcha ao longo do próximo curso con 61 prazas

Bravo Bosh na visita ás obras en Salvaterra
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, e a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, María José Bravo Bosch, visitaron hoxe as obras de construción da escola infantil de Salvaterra de Miño.
A construción do novo centro infantil, que está localizado na rúa Lagoa nunha parcela cedida polo Concello, foron contratadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
O futuro centro contará cun total de 61 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos de idade, que se dividirán en catro aulas. Disporá tamén dunha sala de usos múltiples e dunha zona de servizos para o persoal.
Na visita ás obras, o xerente adiantou que a escola abrirá as súas portas ao longo do vindeiro curso, unha vez rematen os traballos de construción e se instalen o equipamento e o mobiliario.
Tamén salientou que o investimento destinado a este proyecto supera os 610.000 euros, dos que a Xunta de Galicia aportou un 60 por cento, mentres que o Concello de Salvaterra de Miño e a Deputación de Pontevedra achegaron un 20 por cento cada un.
O xerente do Consorcio sinalou que a creación de prazas 0-3 forma parte da aposta do Goberno galego por acadar a conciliación laboral e familiar das familias galegas, un dos principais eixos do Plan de Dinamización Demográfica. Deste xeito, dende 2009 a Xunta creou un total de 3.320 prazas en escolas infantís, máis dun 60 por cento das que había ese ano.
No entorno de Salvaterra, a rede autonómica de escolas infantís A Galiña Azul conta xa con centros 0-3 nos concellos limítrofes de As Neves e de Salceda de Caselas, de 20 e 61 prazas, respectivamente.











