publicidade hoxe

A plataforma moteira presenta en Ponte Caldelas un curso de primeiros auxilios para motoristas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

A Plataforma Moteira para a Seguridade Vial presentou en Ponte Caldelas o curso de primeiros auxilios para motorista que impartirá no Centro Cultural da vila o próximo sábado 14 de marzo. O acto contou coa presenza do presidente da entidade, Manuel Picón, o alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, a deputada Ana Isabel Vázquez e o tenente da Garda Civil Luisa Rodríguez Boullosa que destacaron a importancia de saber que facer en caso de toparnos cun accidente.

Manuel Picón agradeceu a colaboración do Concello de Ponte Caldelas, da Deputación Provincial e a Garda Civil na organización deste curso que considerou de máximo interese non só para os usuarios da moto senón para calquera persoa en xeral.

O curso terá un total de 90 prazas, das cales xa se encontran cubertas a metade, e o prezo de inscrición será gratuíto, aínda que os asistentes comerán nun restaurante do municipio cuxo prato terá un prezo de 12 euros por persoa. Os que desexen inscribirse deberán realizalo a través dos correos electrónicos comision@pmsv.org e presidente@pmsv.org

O curso, que terá lugar o sábado 14 de marzo no Centro Cultural de ponte Caldelas, comezará ás 10 da mañá cunha clase a cargo dun traumatólogo que expoñerá cales son as lesións máis frecuentes nos motoristas e que facer en caso de sufrir un contratempo destas características.

Ás 11 horas tomará o relevo unha ATS quen explicará aos asistentes ao curso como se deben achegar ao ferido e que hai que facer para estabilizalo e practicarlle os primeiros auxilios mentres non chegan as asistencias médicas.

Ás 12 horas os asistentes ao curso poñerán en práctica as ensinanzas anteriormente aprendidas a través dun simulacro nun lugar aberto que serán supervisadas e monitorizadas polo equipo de formación especializado en urxencias.

Ás 14 horas farase unha parada para comer nun restaurante da localidade para, dúas horas máis tarde, continuar o curso cunha clase a cargo dun axente da Garda Civil de Tráfico que explicará cal é a súa actuación ante un accidentado e que se debe facer para colaborar co funcionario. Así mesmo tamén se incidirá moito en que non se debe facer para non entorpecer o seu labor e non prexudicar a asistencia médica ao accidentado.

Por último, ás 17 horas, unha psicóloga ensinará aos asistentes ao curso a tratar emocionalmente o motorista ferido, se está consciente, e como afrontar o caso dun fatal desenlace e como comunicarllo á familia.

O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, clausurará o curso ás 18 horas e fará entrega dos diplomas acreditativos da asistencia dos participantes neste ciclo formativo.

Perfecto Rodríguez agradeceu ao presidente da Plataforma Moteira para a Seguridade Vial, Manuel Picón, a elección de Ponte Caldelas para a realización deste curso e insistiu na utilidade deste non só para os motoristas senón para os condutores en xeral que debemos estar preparados para calquera eventualidade na estrada xa que cada vez somos máis as persoas que utilizamos un coche ou unha moto para realizar os nosos desprazamentos”.

Finalmente, Perfecto Rodríguez animou os participantes neste curso a aproveitar o tempo libre e a súa estanza no municipio para coñecer a beleza paisaxística que ofrece o río Verdugo ao seu paso pola vila así como a gozar da profesionalidade do comercio local e a hostalaría para que a xornada lles resulte do máis proveitosa e pracenteira. O alcalde referiuse a Ponte Caldelas como “un municipio aberto e acolledor que ten no turismo familiar e de contacto coa natureza un dos seus principais valores”.

26 de febreiro de 2015 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.