A plataforma de afectados por abusos bancarios de Vigo advirte da arbitrariedade xudicial

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+

“Consideramos que é un agravio o feito de que casos idénticos corran distinta sorte segundo o xulgado encargado da resolución e a súa liña máis ou menos conservadora. A devolución dos importes retroactivos da cláusula chan (o importe pagado de máis en contratos considerados abusivos por conter esta cláusula) vai depender da discrecionalidade do xuíz que observe cada caso: os afectados saben de antemán o resultado das súas demandas segundo a provincia na que se sitúan. A realidade é que resulta unha cuestión xeográfica, dependendo de se as audiencias seguen ou non a doutrina do Supremo. As que seguen esta liña aseguran que intentan defender a seguridade xurídica do sector bancario, cousa que escandaliza aos integrantes deste colectivo: priorizar a ganancia do sistema financeiro de xeito flagrante ante a xustiza real cara ao cidadán si que é un grave atentado contra a seguridade xurídica, e non o contrario”.

Patricia Reche, a voceira da plataforma de afectados por cláusula chan e abusos bancarios de Vigo, leva máis dun ano protestando pola aplicación do seu chan hipotecario. Recentemente recibiu a sentenza sobre a cláusula chan: anúlanlle esta por considerala abusiva pero non lle devolven os 10.000 euros que pagou de máis dende a firma da súa hipoteca.

“Parécenos unha aberración xurídica que unha cláusula contractual se declare nula e os seus efectos non se compensen coa data da firma: que pasa cos importes que se pagaron de máis inxustamente? Mentres afectados por desafiuzamentos pagan uns intereses usureiros, a banca non devolve sequera o sentenciado como ilegal. Este feito desanima os afectados a denunciar e está a ter un efecto nefasto na loita contra o abuso bancario. Recomendamos por suposto a demanda xudicial, para obter a anulación desta cláusula, e seguiremos pelexando por espertar a conciencia sobre que toda lóxica xurídica e mesmo o sentido común dirixen cara á retroactividade, sen perder a esperanza de que a aplicación desta sexa un feito xeneralizado moi pronto”.

2 de febreiro de 2015 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.