A peña españolista Prone Lugo F.S. B vaise afacendo a gañar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLugo
A-
A+

Partido igualado o que disputou o filial do Prone na súa visita ao terceiro clasificado da liga, o Pazos de Borben F.S., rival que ata a data só encaixara unha derrota como local, pero que ía dobrar o xeonllo ante unha Peña Españolista na que os xuvenís vanse axustando cada día mellor.

A primeira metade disputouse moito en media pista e sen ocasións claras para ningún dos dous equipos. A iniciativa do xogo era máis local que dos visitantes, que centraban os seus esforzos en presionar o xogo local e tratar de saír á contra. Os locais gozaron das mellores ocasións no tramo final da primeira metade, pero foron ben atalladas polo porteiro do filial do Prone, o que provocou que o marcador non se movese no primeiro acto.

A segunda metade comezaba cunha Peña Españolista máis atrevida e máis confiada, feito que lle serviu para que no minuto 24 Álvaro abrise o marcador, colocando o 0-1, resultado que non se movería ata que no minuto 32 Santi empataba para os locais. Empate que se encargou de romper Adrián co 1-2. Así a falta de 4 minutos para o final os locais puxeron sobre a pista o porteiro xogador, pero do mesmo xeito que nos partidos anteriores o filial do Prone soubo defender ben esta acción, e apoiado nesa gran defensa logrou tres goles, os tres obra de Costoya, para sentenciar o partido e poñer o definitivo 1-5 no marcador. Con esta vitoria o filial do Prone ponse quinto na táboa clasificatoria.

10 de febreiro de 2015 | 16:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.