A neve dificulta o tránsito polas estradas galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLugo
A-
A+
Europa Press

A presenza de neve ou xeo na rede viaria galega dificulta na mañá deste mércores a circulación en diferentes puntos de Galicia, en especial en zonas da montaña de Lugo, nos que se requiren cadeas para circular como na LU-710.

Segundo os datos da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), dende as 8,35 horas deste mércores o aviso é de nivel vermello por circulación difícil na estrada autonómica LU-710, á altura do municipio de Baralla (Lugo), dende o quilómetro 0 ao 15,7 en ambos os dous sentidos por neve.

Nesa zona da montaña de Lugo, debido á nevada, os turismos necesitan cadeas para circular e está prohibido o paso a camións e autobuses, segundo sinala a DXT.

Ademais, dende as 6,31 horas por neve tamén a circulación está condicionada na autovía A-6, dende o quilómetro 488 en Nadela (Lugo) ao 479 no Corgo en ambos os dous sentidos. Pola zona, segundo avisa a DXT, hai que circular “con precaución”.

Tamén unha nevada condiciona dende as 9,04 horas deste mércores a circulación na estrada LU-651 dende o quilómetro 4 en Quiroga (Lugo) ao 20 en Folgoso do Courel en ambos os dous sentidos e hai que transitar con precaución.

Mentres, dende as 8,25 horas deste mércores a neve condiciona a circulación na estrada AC-234 á altura de Boimorto (A Coruña) dende o quilómetro 0 ao 12 en ambos os dous sentidos. Na zona está prohibido o paso de camións.

E dende a tarde do martes a neve tamén condiciona a circulación na estrada LU-530 á altura do Cádavo (Lugo) dende o punto quilométrico 30 ao 35 en ambos os dous sentidos e hai que pasar con precaución.

4 de febreiro de 2015 | 10:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.