A mostra ‘110 anos de Historia e Periodismo’ permanecerá aberta ao público ata o 8 de marzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Concellaría de Cultura que dirixe Ana Fernández informa de que ata a exposición 110 anos de Historia e Periodismo permanecerá aberta ao público ata o próximo 8 de marzo na Casa de Cultura Salvador de Madariaga.

A mostra -organizada pola Asociación da Prensa coa colaboración do Concello, da Deputación da Coruña e de Abanca- permanecerá aberta ao público ata o 8 de marzo en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas. O público poderá achegarse a repasar a historia dese período recollida por xornalistas a través dos soportes de prensa, radio, televisión e internet nesta exposición situada na planta baixa da Casa de Cultura Salvador de Madariaga (rúa Durán Loriga, número 10, baixo).

Os interesados en conformar un grupo (tanto de particulares coma dun centro escolar) de entre 15 e 30 persoas poden reservar unha visita guiada gratuíta á mostra. Teñen que poñerse en contacto coa Asociación da Prensa a través do teléfono 981 223 486 ou do correo electrónico info@periodistascoruna.es, e achegar nome completo, teléfono, correo electrónico, día e hora en que se quere realizar a visita.

A exposición componse de catro apartados principais:

. Un espazo dedicado á prensa conformado por unha mostra de 110 exemplares nos que se recollen algúns dos 110 acontecementos históricos máis destacados dese período, así como os números 0 e 1 das principais publicacións de España.

. A radio está presente a través dun punto de audición en forma de transistor no que se poden escoitar voces históricas (Churchill, Pío XII, Franco, Carlos I ou Caruso), importantes locutores (Luis del Olmo, José María García, Iñaki Gabilondo ou Julia Otero), anuncios e voces históricas galegas.

. Polo que se refire á televisión, unha gran pantalla proxecta breves cortes de informativos e dos programas máis populares deste medio.

. Internet está representado a través da proxección de vídeos sobre o seu nacemento e recorrido.

Os catro apartados están introducidos por un panel explicativo no que se conta, de forma breve, a historia de cada un. Ademais, a exposición complétase con curiosas pezas relacionadas co periodismo, como diarios de extraordinario valor ou algúns dos primeiros ordenadores que chegaron a Galicia.

9 de febreiro de 2015 | 12:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.