A metade dos participantes no Plan de Emprego de Cruz Vermella na provincia da Coruña encontraron traballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Un total de 272 das 501 persoas que pasaron en 2014 polo Plan de Emprego de Cruz Vermella na Coruña lograron encontrar un emprego, o que supón unha taxa de inserción do 56%. A través deste proxecto, os orientadores sociolaborais de Cruz Vermella deseñan un itinerario de formación e prácticas adecuado ao perfil de cada participante, algo que xunto co servizo gratuíto de selección de persoal para empresas conseguiu estes resultados “tan positivos”, segundo Pilar Bonigno, directora provincial de Inclusión Social; unha porcentaxe especialmente alta xa que os beneficiarios son as persoas que o teñen máis complicado.

“O emprego é moito máis que un salario: é unha cuestión de dereitos e é un elemento clave na integración das persoas na sociedade”, subliña Bonigno, quen recorda que “a crise golpeou a todas as persoas, pero o dano foi maior para os colectivos máis vulnerables, como os maiores de 45 anos, as mulleres en dificultade social, os mozos e os inmigrantes”. É precisamente nestes colectivos nos que Cruz Vermella pon o foco á hora de mellorar as súas condicións de acceso ao mercado laboral. Todos os participantes no Plan de Emprego recibiron durante o 2014 unha ou varias formacións (en total, 514 formacións), en ámbitos profesionais como o comercio, a hostalaría, a atención ao cliente ou a limpeza industrial; trátase de cursos orientados ao emprego que se realizan en función dos perfís dos participantes e os ámbitos nos que hai máis demanda de profesionais. A formación compleméntase con sesións individualizadas con cada un deles nas que se lles proporciona orientación sobre a busca de emprego e como realizar entrevistas de traballo, entre outras cuestións.

Ademais disto, 900 persoas utilizaron os Espazos de Busca Activa de Emprego que Cruz Vermella ten na Coruña, Santiago, Carballo, Noia e Vimianzo, onde os usuarios consultan a diario as ofertas de emprego, tanto en prensa como online, e reciben o asesoramento de voluntarios para mellorar o seu currículo e contactar con empresas. Detrás de cada cifra do proxecto encóntranse historias persoais complexas; o seu éxito é posible grazas ao propio esforzo dos participantes, así como á colaboración de 93 voluntarios e voluntarias e ás 115 empresas da provincia que actualmente colaboran co plan de emprego a través de formación, prácticas e ofertas de emprego destinadas aos colectivos máis vulnerables.

Emprego máis alá dos 45: casos reais

Después de 20 anos cotizados no sector téxtil e con 45 recén cumpridos, Maria Dolores Cruz enfrontábase a un período de paro de longa duración, polo que acudiu á sede de Cruz Vermella na Coruña. Explicáronme que os cursos tiñan posibilidades de emprego e, efectivamente, así foi. Realicei a formación de atención ao cliente entre os meses de abril e maio de 2013 e despois comecei as prácticas nun supermercado, no que me fixeron un contrato laboral de entre 30 e 50 horas semanais”, “durante sete meses”, detalla Dolores. Actualmente, Dolores segue buscando traballo activamente. “A idade é un veto importante e segundo para que traballos non serves. Cando sabes que o único motivo polo que non te chaman é a idade desmoralízaste un pouco”, sinala. Mentres tanto, non perde nin a esperanza nin o tempo. “O que está claro é que ou te reciclas ou non tes nada que facer. Estou a reciclarme co inglés e busco información para aprender novos modelos de patronaxe por ordenador que descoñezo”, conta. Actualmente participa de novo no Plan de Emprego.

Tras case tres décadas no sector da construción e o transporte, Juan Manuel Rey, 48 anos, quedou sen traballo en 2010. Estaba desmotivado, debido a unha minusvalidez parcial non encontraba traballo no seu sector e en todas as entrevistas ás que acudía lle poñían trabas pola súa idade. Tras participar no Plan de Emprego en Santiago de Compostela, realizou varias formacións e paralelamente mellorou o seu currículo cos voluntarios de Cruz Vermella. O truco está en “non” deixar de facer cousas aínda que ás veces esteas desanimado, confesa. Finalmente conseguiu unha entrevista nunha empresa de limpeza grazas á mediación de Cruz Vermella e a día de hoxe xa ten un contrato indefinido. Malia que en Galicia as persoas maiores de 45 anos non presentan unha taxa de desemprego especialmente alta, do 16,2% segundo a Ficha do Mercado Laboral Galego (Xunta de Galicia, 2014), trátase dun colectivo que unha vez que sae do mercado de traballo ten serias dificultades para volver entrar neste.

5 de febreiro de 2015 | 10:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.