A mesa sectorial de coordinación policial sobre violencia de xénero reúnese na Laracha

Reunión da mesa sectorial
A Mesa sectorial de coordinación policial sobre violencia de xénero reuniuse hoxe no salón de plenos do Concello da Laracha nunha xuntanza na que participaron a concelleira de Muller e Servizos Sociais, Rocío López, a directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha, Ana Aldao, o axente da Policía Local Víctor Vilanova e, representando ao posto da Garda Civil da Laracha, estiveron o cabo Sergio García e o axente Juan Carlos Rabuñal. Escusaron a súa ausencia por cuestións de axenda os representantes da Subdelegación do Goberno e da Policía Autonómica.
A reunión iniciouse revisando os acordos de anteriores convocatorias. A continuación realizouse un seguimento das ordes de protección existentes, así como das usuarias do programa ATENPRO, que é o servizo telefónico de atención e protección para mulleres vítimas de violencia de xénero.
Como cuestión máis relevante da sesión, realizouse un reforzamento dos mecanismos de coordinación ante casos de violencia de xénero, que foi moi positiva, demostrándose que o protocolo establecido é eficaz e se están a levar a cabo tal dun xeito óptimo, cumprindo cada corpo de seguridade cos propósitos fixados no marco das súas competencias.
En definitiva, os membros da Mesa mostraron a súa satisfacción porque a coordinación entre todos eles está a posibilitar que se alcances os obxectivos na loita continuada contra a lacra social que é a violencia de xénero.
A próxima reunión desta Mesa de coordinación policial, que é convocada polo Concello da Laracha cada tres meses, foi fixada para o día 5 de maio.











