A Laracha convoca reunións da mesa sectorial de coordinación policial sobre violencia de xénero
A Mesa de Coordinación de Violencia de Xénero do Concello da Laracha foi constituída no ano 2010 co propósito de optimizar o traballo que se desenvolve sobre esta temática entre os distintos poderes públicos, facilitando a colaboración entre todos os representantes da mesma (Subdelegación do Goberno, Concello, centros educativos, Policía Local, Garda Civil e centro médico da Laracha).
Esta Mesa de Coordinación de Violencia de Xénero está dividida en dúas mesas sectoriais: a de cooperación policial e a educativo-sanitaria.
O Concello da Laracha convocou para mañá martes ás 12:00 horas no Salón de Plenos da Casa Consistorial unha reunión da mesa sectorial de coordinación policial, á que se convidou a asistir á xefa da unidade contra a violencia de xénero da Subdelegación do Goberno na Coruña e a representantes da Policía Local, Policía Autonómica, Garda Civil e Centro de Información ás Mulleres (CIM), ademais da concelleira das áreas de Servizos Sociais e Muller, Rocío López.











