publicidade hoxe

A ITV móbil para a maquinaria agrícola estará catro días do mes de marzo en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A estación móbil da Inspección Técnica de Vehículos volve a San Sadurniño neste mes de marzo para “pasarlle a revisión” aos tractores e outra maquinaria agrícola. O 13 e o 16 de marzo estará no Camiño Arriba e o 26 e 27 en Igrexafeita. A vez para pasarlle a itv aos nosos tractores, remolques e outra maquinaria agrícola pode pedirse a través do teléfono 902 309 000 ou na web www.sycitv.com. Outra posibilidade é solicitar cita no lugar desde o primeiro día de chegada da estación.

No Camiño Arriba a ITV instalarase na explanada de Lácteos O Casal. O 13 de marzo atenderá só pola mañá, desde as 9.00 ata as 13.30 horas, mentres que o 16 de marzo estará aberta de mañá e de tarde: de 9.00 a 13.30 e de 15.15 a 18 horas.

En Igrexafeita a estación móbil situarase na pista polideportiva da Torre e pasará as revisións o día 26 de marzo pola mañá e pola tarde e o día 27 de marzo só entre as 9 e as 13.30 horas. 

Cómpre lembrar que os tractores agrícolas, maquinaria agrícola autopropulsada, remolques agrícolas e outros vehículos agrícolas especiais, excepto motocultores e máquinas equiparadas teñen que pasar a revisión a partir dos 8 anos. Dos 8 aos 16 a inspección será cada dous anos e de 16 anos en diante a itv é obrigatoria todos os anos. Desde a empresa concesionaria indican que a admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias.

Pola vosa seguridade e a das demais persoas

Para moita xente, ter que ir pasarlle a itv ao tractor é unha pesadez. Son habituais comentarios do tipo “total, nunca o saco da granxa”, “xa é vello e non saio con el ás pistas” ou “non, oh, non vou aló perder a mañá”. Comentarios que case sempre ocultan a realidade de máquinas que van tirando con amaños caseiros pero que non son nada seguras. Son Pasqualis, Ebros, John Deere”s e outros ferros cubertos de graxa e terra nos que confiamos plenamente porque levan toda a vida na casa, sen pararnos a pensar en que ao mellor é hora de darlles o retiro ou, polo menos, en que temos que facerlles o debido mantemento -e incluso melloras, como os arcos homologados- para evitar disgustos.

A revisión é unha especie de purgatorio polo que ninguén quere pasar nin tampouco pagar, pero non está de máis ter en conta que tamén é o lugar onde poden detectar calquera problema grave que lle afecte á seguridade. Un tractor que non frea ben, coas rodas lampas ou coa dirección frouxa é un perigo para quen guía pero tamén para calquera que poida vir de fronte. Ademais, debemos reflexionar sobre o feito de que en Galicia uns anos con outros morren entre 5 e 10 persoas facendo traballos agrarios. Grande parte das vítimas son maiores de 65 anos e algunhas delas aparecen debaixo do tractor, ben por un exceso de confianza ou ben por non ter a máquina en condicións.

11 de febreiro de 2015 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.