publicidade hoxe

A gardería de Brión ofreceu o primeiro dos concertos da súa Semana da Música

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+
Semana da música na gardería de Brión

Semana da música na gardería de Brión

Os nenos e nenas da gardería municipal de Brión gozaron hoxe pola mañán do primeiro dos dous concertos cos que se celebrará, un ano máis, a Semana da Música. O obxectivo desta iniciativa é que os cativos se inicien no gusto á música. Para isto, contan coa colaboración de exalumnos, pais e mozos que poñen á disposición dos meniños os seus coñecementos ao tempo que comparten unha agradable xornada. Ademais, e por primeira vez, os pais puideron asistir ás sesións musicais para acompañar aos seus pequenos.

A sesión de hoxe comezou co sonido da frauta de Saúl, un neno que foi no seu día alumno da gardería e na que agora está o seu irmán pequeno. O protagonista, que acudíu acompañado por dous familiares, recibíu os aplausos de todos os cativos, que incluso lle pediron varios bises.

Tras este primeiro concerto, chegou a quenda de Alberto, pai dun exalumno da escola infantil brionesa, que sorprendeu e animou a todos os presentes co seu acordeón. Para a súa presentación ao esixente público escolleu a banda sonora da serie infantil Shin Chan, para despois continuar con temas máis tradicionais, aínda que igualmente movidos.

Cunha muiñeira animou a todos os meniños a que se levantasen para bailaren ao son da súa música. Continuou a súa sesión con Clavelitos e con A saia de Carolina, coas que disfrutaron tanto cativos coma maiores. Para concluír o seu concerto, Alberto tocou os acordes dunha “canción que todos os pais acabamos sabendo”, a de Doraemon, o gato cósmico; unha excelente despedida para máis de media hora de música na que os alumnos da gardería non deixaron de aplaudir e de moverse ao son dos instrumentos.

Como mostra de agradecemento, ambos músicos recibiron un pequeno presente por parte da escola infantil. Os propios alumnos foron os encargados de facerlles a entrega.

A seguinte sesión da Semana da Música da gardería de Brión desenvolverase este venres a partires das 10.30 horas. O concerto, que protagonizarán dúas mozas, está tamén aberto aos pais dos cativos deste centro educativo brionés.

24 de febreiro de 2015 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.