A futura escola infantil de Bertamiráns ofertará 82 prazas para nenos de 0-3 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocal Portada
A-
A+
Beatriz Mato na visita ás obras

Beatriz Mato na visita ás obras

A Consellería de Traballo e Benestar, en colaboración co Concello de Ames, porá en marcha en Bertamiráns unha escola infantil que ofertará aos pais e nais 82 prazas públicas de 0-3 anos, divididas en 6 unidades.

A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, visitou hoxe as obras, acompañada polo alcalde de Ames, Santiago Amor. Benestar prevé que os traballos estean rematados este verán polo que, segundo afirmou Mato, a escola poderá estar en funcionamento ao logo do próximo curso escolar. Para a súa construción, a Consellería de Traballo e Benestar e o Concello achegaron un total de 820.000 euros.

A futura escola de Bertamiráns será a segunda da Rede A Galiña Azul de Ames, que elevará ata 184 o número de prazas que a Xunta oferta neste municipio. Mato subliñou que as dúas escolas foron creadas e postas en marcha polo Goberno galego.

Con respecto á comarca de Santiago, ademais desta escola de Bertamiráns, a titular de Benestar lembrou que a Xunta porá en marcha un novo centro en Compostela, en virtude do convenio de colaboración asinado coa Fundación Amancio Ortega (FAO). Isto suporá elevar a 8 os centros e a 654 as prazas públicas da Rede A Galiña Azul na comarca, o que significa un incremento do 146 por cento respecto ao ano 2009.

Así mesmo, Mato sinalou que o obxectivo desta actuación é seguir avanzando na conciliación da vida familiar e laboral das familias galegas, un dos eixos estratéxicos do Plan de Dinamización Demográfica, que o Goberno galego lidera por primeira vez na Comunidade.

A conselleira incidiu en que a posta en marcha de prazas públicas en escolas infantís é “unha ferramenta moi importante” na loita contra o problema demográfico que existe en Galicia e, por iso, destacou que desde 2009 puxéronse en funcionamento 3.320 prazas a través da rede autonómica A Galiña Azul. Isto supón máis do 60 por cento de incremento con respecto ás que había en 2009. Na provincia da Coruña foron máis de 1.600, un incremento superior ao 90 por cento. En total, a oferta actual en toda Galicia é de preto de 9.000 prazas e antes de que remate esta lexislatura prevense crear máis de 2.000 novas, o que significará practicamente dobrar as que existían en 2009.

Estas prazas en escolas da Xunta súmanse á oferta de 0-3 anos sostidas con fondos públicos, que no curso 2014-2015 supoñen máis de 19.200 (escolas da Xunta, municipais, de iniciativa social e cheque infantil). O incremento de prazas permitiu mellorar a porcentaxe de atención. De feito, desde o curso 2009-2010 a taxa de cobertura das escolas infantís financiadas con fondos públicos sobre a poboación galega de 0 a 3 anos mellorou en case 12 puntos. Así, se no curso 2009-2010 a ratio era do 18,7%, na actualidade esta taxa ascende ao 30,1%.

Investimento en emprego

Ademais da colaboración do departamento autonómico co Concello de Ames neste ámbito, Mato tamén resaltou que esta cooperación institucional permitiu importantes avances noutras áreas do eido social e en emprego.

Deste xeito, en materia de emprego, o investimento da Consellería de Traballo e Benestar en Ames ascendeu a máis de 8,1 millóns de euros desde 2009 ata o día de hoxe. No ano 2014, o financiamento foi de 535.000 euros Entre outras actuacións, estase a financiar na actualidade o obradoiro de emprego ‘Entre Ríos’, en colaboración co concelllo de Brión, cun investimento de preto de 200.000 euros. Nel participan 22 alumnos e alumnas.

Así mesmo, estase a desenvolver un programa integrado de emprego, en colaboración con Brión, con 80 participantes, no que a Consellería investiu preto de 150.000 euros. En total, desde 2009 puxéronse en marcha 5 programas integrados con 460 beneficiarios e 575.000 euros. Así mesmo, e, en materia de emprego, financiáronse desde 2009, entre outras actuacións, un total de 101 accións formativas no municipio con 1.515 beneficiarios e un total de 5,7 millóns de euros de investimento. Ademais, o Concello contratou a 112 persoas a través dos plans de cooperación da Xunta aos que a Consellería destinou 1,4 millóns de euros desde 2009. Por último, no eido de emprego, Mato destacou que o Concello contratou a 5 traballadores en situación de risco de exclusión a través da orde de contratación de perceptores da RISGA pola que o Concello recibiu 50.000 euros.

Financiamento social

Doutra banda, no eido social, o financiamento da Consellería de Traballo e Benestar en Ames desde 2009 supera os 3,6 millóns euros. En 2014, a parte da escola de Bertamiráns, foi de preto de 330.000 euros. Mato lembrou que, entre outros investimentos, destacan ao longo destes anos 1,6 millóns de euros na construción e posta en marcha da escola infantil de Milladoiro en 2010, que oferta 102 prazas; os 342.000 euros a través do Plan Concertado; ou os 920.000 euros ao Servizo de Axuda no Fogar para dependencia.

En global, e, para rematar, a titular de Traballo e Benestar sinalou que o investimento total do departamento autonómico en Ames superou os 11,8 millóns de euros nos últimos seis anos.

19 de febreiro de 2015 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.