A Fundación María José Jove pon en marcha 10 talleres didácticos sobre Picasso
A Fundación María José Jove porá en marcha este domingo unha serie de 10 talleres didácticos para familias no marco da exposición ‘Non falaremos de Picasso’, que se pode visitar no Quiosco Alfonso ata o 19 de abril. A actividade está dirixida a nenos de entre 5 e 12 anos coas súas familias, sendo gratuíta logo de inscrición xa que as prazas son limitadas.
O taller, que terá unha duración de 80 minutos, dará comezo ás 12,00 horas cunha visita á mostra mediante un percorrido dinamizado con xogos e actividades de busca.
En total, serán 10 os talleres -un por cada obra de ‘Non falaremos de Picasso’- e cada domingo haberá unha temática e unha técnica diferente que intentará plasmar nunha obra os conceptos tratados na visita á exposición, engade. A programación comeza este domingo 22 de febreiro co taller ‘M de menina e de moda’ baseada na obra ‘Sara no espello’ de Juan Muñoz.
Nel, partindo das Meninas elaboraranse traxes de papel, “xogando coa dobra, o volume e a cor, creando unha particular versión do vestido de ‘Sara’ de Juan Muñoz”, explica a organización.











