A Fundación de Deportes confía en que o día 8 estea habilitada a nova rúa da piscina
A empresa O Coto, SC, de Ferrol, é a adxudicataria das obras a realizar na piscina municipal de Fontecarmoa coa finalidade de que esta pase a ter sete rúas en vez das seis actuais. A presidenta da Fundación de Deportes, Elena Suárez, asinou onte a resolución pola que se adxudican eses traballos por valor de 3.650 euros. Hoxe mesmo a empresa recibiu a confirmación e, segundo manifestaron os seus responsables, se non hai contratempo, a instalación se realizará o domingo día 8 pola tarde, único momento da semana no que as instalacións están pechadas.
Con esta actuación, a Fundación cumpre co compromiso adquirido no seu día cos clubs de natación da cidade de ampliar o número de rúas na piscina, de xeito que así poidan ter máis espazo e tempo para os seus adestramentos. Elena Suárez manifestou o seu desexo de telo feito antes, pero lembrou que os trámites administrativos precisan dunha serie de pasos que non poden ser obviados e que ás veces provocan certos atrasos no cumprimento de compromisos como o descrito.











