A Fundación aproba as bases das subvencións para o deporte destinando 95.000 euros
A Fundación Municipal de Deportes adiantou este ano a tramitación da convocatoria das subvencións anuais para o deporte federado e para a organización de actividades deportivas co obxecto de que os clubs poidan solicitalas e cobralas canto antes. O Consello Reitor aprobou onte por unanimidade as bases das dúas liñas de axuda, nas que se inclúen apartados aclaratorios para evitar calquera tipo de dúbida sobre os prazos, se concreta o procedemento de información das convocatorias aos clubs e se simplifican algúns formularios para facilitar o trámite de solicitude.
Un mes antes que o ano pasado, a Fundación de Deportes doulle o visto bo ás bases das convocatorias das dúas liñas de subvencións que ofrece anualmente e para as que dispón de 95.000 euros (80.000 para fomento do deporte federado e 15.000 para a organización de actividades deportivas extraordinarias realizadas durante o ano 2014. As convocatorias remitiranse de contado á Deputación para a súa publicación do BOP. O prazo de presentación de solicitudes abrirase ao día seguinte á publicación e será de 20 días naturais. Con esta precisión preténdese resolver a confusión que existía ata o de agora á hora de contabilizar os prazos.
Co mesmo obxecto, introdúcense nas convocatorias a novidade de que, unha vez publicadas no BOP, a Fundación informará aos clubs vía correo electrónico da convocatoria e do día exacto ata o que se poden presentar solicitudes.











