A Fiscalía cre a versión da muller e o fillo de Castiñeiras aínda que mantén as penas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press
Xuízo polo roubo do Códice

Xuízo polo roubo do Códice

O fiscal do proceso polo roubo do Códice Calixtino, Antonio Roma, decidiu elevar a definitivas as conclusións provisionais sobre as penas que pide para José Manuel Fernández Castiñeiras, a súa muller e o seu fillo, aínda que admitiu que “cre” a versión destes últimos sobre que puideron non ter coñecemento das actividades ilícitas do principal acusado.

No seu discurso de conclusións, o fiscal viu probado que Castiñeiras cometeu os delitos de roubo con forza pola subtracción do Códice Calixtino e doutros obxectos e diñeiro da Catedral, outro contra a intimidade e outro de branqueo de capitais. Por iso, pide para el unha pena de 15 anos de prisión.

Para a súa muller e fillo, pola súa banda, mantén as penas por branqueo de capitais ou receptación, aínda que afirma que “cre” a súa versión e apunta que o seu grao de participación “o”deberá determinar a sala”.

Nunha intervención na que foi especialmente duro con Fernández Castiñeiras, o fiscal tivo en conta as gravacións do despacho do administrador, un espazo que “non é aberto ao público” e ao que o acusado “non tiña acceso autorizado”.

Fronte ás críticas da defensa, Antonio Roma defendeu estas probas, que abranguen 45 gravacións, e sostivo que “se deron todos os requisitos que se esixen constitucionalmente” para incorporalas á causa.

REXISTROS

Do mesmo modo, cree correcto o primeiro rexistro domiciliario, na vivenda do Milladoiro e que a defensa cree viciado de nulidade. O fiscal recordou que este rexistro está motivado por un “auto xudicial” do que “ninguén””suscitou a súa nulidade”. De feito, considera que “concorre a proporcionalidade” nesta actuación e que os requisitos legais foron innegablemente respectados”.

Este rexistro, do que deriva un segundo auto, dá lugar a “achados casuais” de “muchísima documentación da Catedral”, facsímiles do Códice e unha elevada cantidade de diñeiro. Sobre a actitude de Castiñeiras, o fiscal mencionou unha fotografía incluída no sumario na que poden verse varios tomos dunha enciclopedia legal e un código penal entre facsímiles do Calixtino.

O resto dos rexistros, defendeu o Fiscal, son “distintos” e obedecen a “dilixencias policiais”, polo que os requisitos son os axeitados e “carecen de ningunha afectación ao ámbito constitucional. “A fotografía que podemos ver déixanos ver un trastero que non reúne calquera condición de algo que sexa habitable”, explicou sobre o lugar no que foi localizado o manuscrito para apuntar que “non concorre ningún elemento propio á intimidade”.

TEORÍA DA ÁRBORE ENVELENADA

Sobre a “teoría da árbore envelenada” esgrimida pola defensa, segundo a cal todo o procedemento é nulo por partir de elementos que vulneran dereitos fundamentais, Roma rexeitou caer nun “exercicio simplista” e recordou que existen un “conxunto de circunstancias previas” que derivan na detención dos acusados.

De feito, o fiscal apunta que, para ter en conta esta posibilidade, o “vínculo causal ten que ser expreso”, algo que cre que non acontece neste caso, onde “existe un elemento probatorio” orixinal que “era coñecido con anterioridade”.

Aínda que a Fiscalía recoñece a importancia da discusión que pode oirse na sonorización do piso, considera que non foi determinante no caso e que “ningún elemento deriva destas conversacións. “Dende que se produce esta conversación, o 10 de xuño, ata o rexistro pasa case un mes, se tan directo era, o rexistro podía saltar antes”, indicou.

SEN “DEREITO AO ESQUECEMENTO”

Finalmente, o Fiscal sinalou que a confesión ante o xuíz instrutor do principal acusado é unha “proba ineludible”, tanto polas súas “expresións espontáneas” que apuntan culpabilidade coma pola “ocultación” do destino do Códice.

“Todos estes elementos son a valorar como proba de cargo, polo que desvirtúan a presunción de inocencia”, indicou o Fiscal, quen recordou que o Tribunal de Dereitos Humanos sostén que “non existe un dereito ao esquecemento”. “Non se pode declarar e despois pretender esquecer o declarado” sentenciou Roma, para quen os indicios incriminatorios “esixen polo menos unha explicación”.

DELITOS

Para o Ministerio Fiscal, a adquisición en 2008 dunha vivenda na Lanzada con diñeiro en metálico é unha proba de cargo para a acusación de branqueo de capitais. Este punto incumbe tamén a muller e fillo do exelectricista, a participación do cal “deberá determinar a sala”, aínda que Antonio Roma propuxo unha alternativa de “receptación” para eles.

O fiscal recordou que a xurisprudencia sobre a materia, con respecto ás persoas que “non son profesionais” na intermediación financeira” é “restritiva”, para “beneficio de muller e fillo”.

“A participación da muller e do fillo é o menos importante do que temos enriba da mesa”, sostivo o fiscal, que afirmou “crer” o que dixeron estes dous acusados, que sostiveron que descoñecían o que Castiñeiras gardaba no seu despacho.

De feito, Roma cualificou a Remedios como “unha muller traballadora” e sostivo que a Jesús, o fillo, lle “honra” admitir que “tiña medo de pedir nada de diñeiro aos seus pais”. Non obstante, a pena solicitada mantense debido a que é “ilóxico” que non coñecesen a “real situación profesional” do principal acusado, que dispoñía dese diñeiro en metálico a pesar de que deixara de traballar e non tiña “ingresos aparentes”.

DELITO CONTRA A INTIMIDADE

Para Castiñeiras, o fiscal incide tamén nun delito contra a intimidade, polos elementos privados que se levou do despacho do deán e do administrador, e recordou que este delito “se consuma aínda que non se coñezan finalmente os segredos” destes documentos. Roma fixo especial fincapé no feito de que Fernández Castiñeiras acumulase información de tipo económico, como nóminas doutros traballadores ou plans de traballo.

O Ministerio Fiscal tamén considera probado o delito con forza continuado, tras acreditar distintos testemuños que para acceder a documentos e obxectos era necesario pasar por un “espazo inevitablemente pechado”.

A pesar de “compartir” a crítica da sala sobre o feito de que a Catedral non denunciou a falta de diñeiro e, o que é máis grave, “non cambiou as chaves”, Roma recordou que os delitos de roubo “sempre se consuman porque as medidas non son suficientes”.

PERICIAIS

Nas súas conclusións, o fiscal tivo unha referencia para o informe pericial encargado pola defensa acerca do patrimonio do acusado, derivado do aforro e a inversión, un documento que “pode valer como divertimento, pero que carece de utilidade”.

Entre o “cúmulo de indicios” sobre os que o acusado “non di nada”, o fiscal mencionou a presenza no fogar de divisa estranxeira, mesmo moedas tailandesas, que “non ten sentido” que proveña do seu traballo.

Tamén rexeita a Fiscalía o groso do informe psicolóxico achegado pola defensa, ao tempo que critica que o acusado rexeitara someterse a un estudio do Imelga que podería ser informe de imputabilidade.

Antonio Roma describiu ao principal acusado como unha persoa que “vai máis alá do impulsivo” e que “goza na intimidade contando o diñeiro”, sen “que lle importe un beldro ter a súa muller traballando” para achegar diñeiro á unidade familiar.

O fiscal considera que a conduta do exelectricista se achega á “premedicación”. “Non perde a razón, o que perdeu é calquera estímulo ético que, dende o meu punto de vista, mereza a compaixón”, detallou Fiscalía, para quen o roubo do Códice “transcende” desta actitude.

5 de febreiro de 2015 | 12:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.