publicidade hoxe

A Festa da Cachucha marca o final do Entroido no Carballiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+

A Festa da Cachucha puxo un bo remate ás festas de Entroido no Carballiño, cunha grande afluencia de comensais nos restaurantes que participaron nesta. Segundo os datos da área de Turismo, organizadora desta festa gastronómica, a maioría dos restaurantes rexistraron entre o 90 e o 100% de ocupación, dándose o caso nalgún deles que se dobraron e triplicaron quendas de comida.

Entre os restaurantes participantes, moitos deles aseguraban que case unha semana antes tiñan xa todo o comedor reservado, ao que tiñan que engadir que se serviron, os que teñen servizo de catering, moitos cocidos de cachucha para casas particulares.

Todos os restaurantes sinalaron como un acerto a animación de charangas que percorreron durante as horas das comidas, todos e cada un dos restaurantes o que, unido á decoración facilitada pola propia área de Turismo, ofreceu unha imaxe de festa e diversión en cada un destes locais.

Os restaurantes que rexistraron menos afluencia foron, principalmente, os que se encontran fóra da zona urbana da vila, e algún destes sinalaron que tiveran algunha anulación de reservas motivadas, na maioría dos casos, polo tempo que non acompañou durante a xornada matinal.

Non obstante, e segundo solicitaron os traballadores da área de Turismo, sentir xeneral da hostalaría que participou nesta festa é boa ou moi boa, xa que todos e cada un deles tiveron unha afluencia maior de comensais grazas a esta celebración.

No que se refire ao desfile da Cachucha, no que participaron 14 agrupacións entre comparsas, foliones e carrozas, os datos da policía local destacan que a afluencia de público foi similar, e mesmo superior, ao do martes de Entroido, data na que a vila estaba chea de público que se achegou ao Carballiño dende toda a xeografía comarcal. Cabe destacar, como dato significativo desta afluencia de público, que un gran número de visitantes tiveron que aparcar os seus vehículos na entrada da vila, en concreto na zona da estación de ferrocarril, ao estar cheo o centro dende primeira hora da tarde.

Sobre as festa de Entroido, os datos solicitados indican que se traballou moito máis que nos últimos anos na noite do sábado de Entroido. Estes datos céntranse no sector dos locais da noite. Os responsables da asociación de hostaleiros sinalaban que, en liñas xerais, foran unhas boas festas de Entroido, con bastante público e movemento, destacando as actuacións das orquestras que fixeron que moita xente se animase a saír.

En definitiva o concello do Carballiño valorou positivamente o desenvolvemento destas dúas datas festivas, Entroido e Cachucha, tomando nota das suxestións realizadas dende a hostalaría local para mellorar nas próximas edicións.

23 de febreiro de 2015 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.