A Festa da Cachucha continuará o Entroido no Carballiño
Tan só tres puntos separaron ao terceiro e ao primeiro clasificado do desfile do concurso de Entroido celebrado este martes no Carballiño, e organizado pola concellería de Cultura. Os gañadores, tras o fallo do xurado, foron a comparsa Fada das Neves, seguido en segundo lugar pola Revolucion azul dos azucrados de Maside, e en terceiro lugar a fantasía O que o vento se levou. En total participaron 14 agrupacións, que foron a delicia dos asistentes ao desfile, nesta ocasión encheron as rúas do Carballiño, chegando de toda a bisbarra, e de fóra desta, mesmo da capital provincial.
O Entroido carballiñés seguirá durante esta semana, coa celebración da Festa da Cachucha, o próximo domingo, na que participan 23 restaurantes da vila. Antes desta celebración organizouse un espectáculo de cociña na Praza de Abastos, para o que se contará con dous grandes cociñeiros como Luis Vidal e Wuilmer Alfonso, este último recoñecido cociñeiro caribeño que realizará unha fusión entre a cociña dun lado e outro do océano.
Este espectáculo de cociña, organizado por Servizos Gastronómicos Tino Iglesias, realizarase na praza de abastos, o venres e o sábado, e os cociñeiros preparasen a cachucha de formas distintas ás habituais, comprando todo o produto nos mesmos postos da praza. Ao finalizar poderanse degustar todas as creacións destes dous xefes de cociña. Esta actividade é aberta a todos os veciños e veciñas da vila, que queiran descubrir outros sabores da nosa tradicional cachucha.
A idea de realizar este espectáculo na Praza de Abastos partiu da área de Turismo, organizadora da Festa da Cachucha, cun dobre obxectivo, por un lado mostrar receitas novas deste típico produto de Entroido, e por outro, e aínda mais importante, potenciar a praza de abastos, invitando a todo o mundo a que coñeza as súas instalacións e, o que é mellor, o produto que nela se vende.
En todo momentos os profesionais da praza aplaudiron esta iniciativa, e xa iniciaron conversacións coa edil de Turismo para repetir esta experiencia ao longo do ano, con outros produtos dos que alí se venden.











