A Escola Infantil de Ribadumia abre o prazo de reserva de praza
A Escola Infantil 0-3 abre o período de reserva de praza para o curso 2.015-2.016 e as familias interesadas poderán tramitar as súas reservas dende o 24 de febreiro ata o 9 de abril, ámbolos dous incluídos. As solicitudes de admisión, xunto coa documentación requirida serán facilitadas na propia gardería.
A lista provisional de admitidos exporase na propia gardería e no taboleiro de anuncios do concello a partir do 15 de maio de 2015.
Os criterios de admisión estarán expostos nos taboleiros de anuncios do concello e da gardería. A presentación das solicitudes deberá de facerse na propia gardería.
A gardería situada en Barrantes inaugurouse en Setembro do 2004 e nese momento dispoñía de tres aulas, unha por cada tramo de idade. Pero pouco a pouco fóronse abrindo as aulas que estaban sen uso para dar resposta á demanda que hai en Ribadumia deste tipo de servizos, contando na actualidade con 7 aulas. O seu horario de funcionamento é de 8:00 horas ata as 20:30.
O curso pasado foron presentadas 33 solicitudes de reserva e nos últimos anos deuse cabida a tódolos nenos do Concello grazas á ampliación de dúas aulas máis na gardería. A gardería ten unha capacidade para 99 nenos de idades comprendidas entre 0-3 e na actualidade presta os seus servizos a un total de 90 matriculados.
A posta en marcha da gardería supuxo un importante avance do Concello de Ribadumia para facilitar a plena conciliación da vida laboral e familiar, un dos obxectivos prioritarios en materia de servizos sociais promovido dende o actual equipo de goberno.











