publicidade hoxe

A escola infantil de Porto do Son ofertará 41 prazas para nenos de 0-3 anos divididas en tres unidades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPorto do Son
A-
A+
Beatriz Mato na visita ás obras da escola infantil de Porto do Son

Beatriz Mato na visita ás obras da escola infantil de Porto do Son

A Consellería de Traballo e Benestar, en colaboración co Concello de Porto do Son, porá en marcha nesta localidade a primeira escola infantil pública da comarca de Noia, un centro que ofertará aos pais e nais 41 prazas públicas de 0-3 anos, divididas en 3 unidades.

A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, visitou hoxe as obras, que se prevén que estean rematadas no segundo trimestre deste ano. Así o destacou Mato, quen sinalou que Xunta e Administración local traballan, ademais, para que a escola poida estar en funcionamento ao longo do próximo curso. Para a construción da escola, a Consellería de Traballo e Benestar e o Concello achegaron 410.000 euros.

Mato sinalou que o obxectivo desta actuación é seguir avanzando na conciliación da vida familiar e laboral das familias galegas, un dos eixos estratéxicos do Plan de Dinamización Demográfica, que o Goberno galego lidera por primeira vez na Comunidade.

A conselleira incidiu en que a posta en marcha de prazas públicas en escolas infantís é “unha ferramenta moi importante” na loita contra o problema demográfico que existe en Galicia e, por iso, destacou que desde 2009 puxéronse en funcionamento 3.320 prazas a través da rede autonómica A Galiña Azul. Isto supón máis do 60 por cento de incremento con respecto ás que había en 2009. Na provincia da Coruña foron máis de 1.600, un incremento superior ao 90 por cento. En total, a oferta actual en toda Galicia é de preto de 9.000 prazas e antes de que remate esta lexislatura prevense crear máis de 2.000 novas, o que significará practicamente dobrar as que existían en 2009.

Estas prazas en escolas da Xunta súmanse á oferta de 0-3 anos sostidas con fondos públicos, que no curso 2014-2015 suman máis de 19.200 (escolas da Xunta, municipais, de iniciativa social e cheque infantil). O incremento de prazas permitiu mellorar a porcentaxe de atención. De feito, desde o curso 2009-2010 a taxa de cobertura das escolas infantís financiadas con fondos públicos sobre a poboación galega de 0 a 3 anos mellorou en case 12 puntos. Así, se no curso 2009-2010 a ratio era do 18,7%, na actualidade esta taxa ascende ao 30,1%.

Investimento en emprego

Ademais da colaboración do departamento autonómico co Concello de Porto do Son neste ámbito, Mato tamén resaltou que esta cooperación institucional permitiu importantes avances noutras áreas do eido social e en emprego.

Deste xeito, en materia de emprego, o investimento da Consellería de Traballo e Benestar en Porto do Son ascendeu a preto de 1,4 millóns de euros desde 2009 ata o día de hoxe. No ano 2014, o financiamento foi de preto de 245.000 euros Entre outras actuacións, estase a financiar na actualidade un obradoiro de emprego en Porto do Son, en colaboración co concello de Lousame, cun investimento de máis de 175.000 euros. Nel participan 20 alumnos e alumnas que se están a formar nas especialidades de atención sociosanitaria e albanelería. En 2013-2014, ademais, a Xunta financiou outro programa mixto de formación e emprego nesta localidade, nesta ocasión, en colaboración con Ribeira e estivo centrado nas especialidades de albanelería e carpintería.

Así mesmo, e, en materia de emprego, financiáronse desde 2009, entre outras actuacións, un total de 8 accións formativas no municipio con 120 beneficiarios e un total de 280.000 euros de investimento.

Financiamento social

Doutra banda, no eido social, o financiamento da Consellería de Traballo e Benestar en Porto do Son desde 2009 supera os 920.000 euros. En 2014 foi de preto de 110.000 euros. Mato lembrou que, entre outros investimentos, destacan ao longo destes anos os 315.000 euros a través do Plan Concertado; 260.000 euros ao Servizo de Axuda no Fogar para dependencia ou 100.000 euros na reforma do campamento xuvenil Virxe de Loreto.

En global, e, para rematar, a titular de Traballo e Benestar sinalou que o investimento total do departamento autonómico a Porto do Son superou os 2,3 millóns de euros nos últimos seis anos.

13 de febreiro de 2015 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.