publicidade hoxe

A Deputación dota ao Consistorio de Rábade dunha caldeira de biomasa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoRábade
A-
A+

A Xunta de Goberno aprobou este venres a adxudicación dos traballos de dotación e instalación dunha caldeira de biomasa no Consistorio de Rábade por valor de 30.000 euros, financiados nun 80% pola Unión Europea, posto que esta actuación se inclúe no Lug02, o programa medioambiental da Deputación. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, destacou que con este sistema conséguese reducir nun 40% os custos de calefacción deste Concello, ademais de evitar a emisión anual de 11,5 toneladas de CO2 á atmósfera.

Martínez subliñou que a este aforro en calefacción engádese a reducción de custos pola luz entre un 15% e un 35%, que conleva outro aforro en gastos correntes de case 5.000 euros, e que foi acadada a través do Plan Enerxético da Deputación, “que é totalmente gratuíto para os Concellos a diferenza da programación da Xunta”, remarcou o voceiro.

Mediante dito plan, o organismo provincial instalou en Rábade 600 novos componentes enerxéticos. Concretamente, situáronse 32 lámpadas led no alumeado público das rúas Gabriela Nieto Chaín, Miguel de Cervantes e López de Vega, coas que se consegue un aforro de 300 euros. Tamén se instalaron 294 barras de luz de baixo consumo no centro educativo, e outras 272 no Consistorio, coas que se reducen estes custos en 4.400 euros.

Obras en Viveiro

Tal e como avanzou onte a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, a Xunta de Goberno aprobou obras de case 600.000 euros para a posta en valor do casco histórico de Viveiro. Por un lado, os traballos de mellora e dotación de servizos no treito comprendido entre a Avenida de Cervantes e a Praza Juan Donapetry, dotados de 470.000 euros. Tamén se  adxudicaron as actuacións de dotación dun parque ambiental no paseo marítimo viveirense, por valor de 102.814 euros, cofinanciados nun 80% pola Unión Europea, posto que se inclúen no programa medioambiental Lug02. Estes dous proxectos complementan o plan de reordenación do tráfico, dotado de 185.000 euros, que se porá en marcha a vindeira semana. Con estas tres actuacións, son preto de 800.000 euros o investimento da Deputación na transformación de Viveiro

Outras das obras aprobadas na sesión de hoxe son o arranxo de camiños na parroquia de Piñeira, en Monforte de Lemos, por valor de 30.000 euros; e para a rehabilitación dos locais anexos ao cemiterio de Corvelle, na Pastoriza, por valor de 45.000 euros.

13 de febreiro de 2015 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.