A Deputación de Pontevedra iniciará a recuperación de 25 castros con 2,5 millóns de euros
A deputada Ana Isabel Vázquez inaugurou hoxe no palacete das Mendoza os cursos “A pegada do pasado: castros e xacementos arqueolóxicos visitables da provincia de Pontevedra”, que terán continuidade, en horario de mañá e tarde, o mércores e o xoves.
Os cursos van dirixidos a guías especializados e técnicos de Turismo; neles participan 40 alumnos. Hoxe impartiu unha charla José Manuel Rey García, director do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro; Patricia Mañana Borrazás, especialista en Megalitismo; e o arqueólogo da Deputación de Pontevedra, Rafael Rodríguez, que falou sobre “Castros e outro tipo de xacementos da Idade de Ferro visitables na provincia de Pontevedra”.
A súa charla dividiuse en dúas partes. Na primeira explicou qué é un castro e o período no que se desenvolveron, coa finalidade de “desterrar” a visión xeneralizada de que a Idade de Ferro no noroeste peninsular é algo singular, pechado en si mesmo, sen conexión con outras culturas e espazos tanto do ámbito peninsular coma do Atlántico ou Mediterráneo.
Novos datos na Lanzada e Monte do Castro
Rafael Rodríguez explicou a diversidade de xacementos existentes, xa que “non son só poboados fortificados senón que hai factorías, santuarios, zonas de almacenaxe…”, dixo, e analizou tamén a economía e sociedade da época. Na súa intervención deu a coñecer novos datos obtidos nas escavacións realizadas pola Deputación de Pontevedra nos castros da Lanzada (O Grove) e Monte do Castro (Ribadumia).
Na segunda parte da conferencia o arqueólogo da Deputación fixo un pormenorizado percorrido polos xacementos visitables da provincia de Pontevedra, todos eles escavados, restaurados e limpados pola Deputación a través do seu Plan de Castros. Rodríguez explicoulles ós guías asistentes qué é cada un, qué hai que explicar deles e cómo están todos unidos dentro dunha posible visita global, “pois cada un conta unha historia complementaria doutro”, afirmou.
Investimento de 2,5 millóns de euros
Na súa intervención destacou que a Deputación de Pontevedra desenvolverá en breve un amplo programa de rehabilitación e restauración de 25 castros da provincia, cun investimento de 2,5 millóns de euros procedentes do 1 % de investimento cultural do Ministerio de Fomento.
Destacou tamén que, dentro do proxecto Depodeza, se realizarán en marzo uns encontros sobre a Idade de Ferro en Pontevedra e Lalín, con reputados especialistas europeos, e subliñou que a Deputación incluíu os itinerarios dos castros da provincia dentro da Ruta dos Fenicios, un itinerario turístico europeo.
Charlas e visitas mañá e pasadomañá
Mañá intervirán nos cursos un investigador da Universidade de Coimbra, e José Suárez Otero, doutor en Arqueoloxía, e haberá unha visita guiada á Área Arqueolóxica da Caeira e ás Mámoas do Rei, en Chan de Castiñeiras, Vilaboa. O xoves os participantes visitarán o santuario galaico-romano do Facho, en Donón (Cangas), o castro de Adro Vello, no Grove, e a torre de San Sadurniño, en Cambados.











