A Deputación de Pontevedra inicia un novo proxecto de dixitalización dos fondos e arquivos municipais da provincia
A Deputación de Pontevedra, a través dos servizos de Novas Tecnoloxías, Patrimonio Documental e Bibliográfico e Museo de Pontevedra, pon en marcha un novo proxecto de dixitalización do patrimonio xestionado pola propia institución e polos concellos da provincia de Pontevedra.
3 millóns de imaxes xa dixitalizadas
Este proxecto representa a continuación dos traballos iniciados no proxecto “eDepo, a administración nun CLICK”, que permitiu a creación dun Centro de Coñecemento Avanzado e a dixitalización dunha parte importante dos fondos documentais, gráficos, cartográficos, sonoros e audiovisuais do Arquivo provincial e dos fondos documentais dos concellos da provincia de Pontevedra (todos a excepción dos de Pontevedra e Vigo).
Este proxecto inicial permitiu dixitalizar máis de 3 millóns de imaxes, xerando información cun tamaño superior ós 100 terabytes.
A continuidade dos labores de dixitalización enmárcase no proxecto “DepoTIC: a tecnoloxía nas túas mans”, cofinanciado nun 70 % por fondos FEDER, e inclúe a continuación dos traballos de dixitalización dos fondos documentais en todos os concellos da provincia de Pontevedra (a excepción de Vigo e Pontevedra), xunto coa dixitalización dos fondos documentais, bibliográficos, gráficos, cartográficos, sonoros e audiovisuais do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación e do Museo de Pontevedra.
O novo proxecto
Con este novo proxecto, cun prezo de licitación de 3 millóns de euros, prevese dixitalizar máis de 12 millóns de imaxes, o que representa unha información cun tamaño superior ós 300 terabytes.
Para a súa realización contarase con escáneres profesionais de última xeración, como son os escáneres cenitais, recomendados para a dixitalización de fondos antigos e especialmente valiosos, que garanten un resultado final de máxima calidade.
Cómpre destacar, ademais, que a dixitalización dos arquivos municipais se realizará nas propias instalacións dos concellos. Para este cometido a empresa adxudicataria constituíu un total de 8 equipos de traballo, que se se desprazarán ós concellos, xunto coa infraestrutura de dixitalización que permita a realización do traballo coas garantías previstas, en función da proximidade destes ou do volume de documentación que se vai dixitalizar en cada un deles.
Os resultados dos proxectos de dixitalización impulsados pola Deputación de Pontevedra quedarán almacenados no CPD da institución, que conta cun novo sistema de almacenamento instalado recentemente e que dispón de máis de 400 terabytes de capacidade.
Difusión e consulta
Todas as iniciativas de dixitalización postas en marcha pola Deputación compleméntanse cun novo sistema de xestión arquivística e bibliográfica implantado recentemente, que está contribuíndo a mellorar o proceso de catalogación dos fondos xestionados pola Deputación e os concellos.
Este sistema complementarase cun sistema de difusión en Internet, que permitirá que os cidadáns poidan consultar o patrimonio documental xestionado pola Deputación e os municipios da provincia, incluíndo a visualización das imaxes dos fondos dixitalizados, sen necesidade de desprazamentos. A través deste portal os cidadáns poderán consultar información dos expedientes de división territorial, libros de actas do Pleno e da Xunta de Goberno Local, heráldica municipal, libros de rexistro de bandos e edictos, expedientes de desafectacións ou deslindes.











