A Deputación de Pontevedra homenaxea á piloto viguesa campioa de Europa de motonáutica

Sandra María Fernández
A viguesa Sandra María Fernández, considerada a mellor piloto española de motonáutica na actualidade e vixente campioa de Europa de circuíto na categoría Sky Woman GP1, recibiu esta mañá a homenaxe á súa traxectoria deportiva na sede viguesa da Deputación. A deputada Marta Iglesias recibiu a campioa, que prepara xa a súa próxima proba puntuable para o Mundial deste ano, que se disputará os días 4, 5 e 6 de marzo en Qatar.
Sandra María Fernández realizou unha brillante temporada en 2014, alcanzando a primeira posición na proba do campionato mundial disputada en Ibiza, na categoría Sky Woman GP1, e clasificándose en segunda posición no Gran Prix of China. Durante a súa conversación con Marta Iglesias, comentou que está tentando crear unha escola en Galicia coa mirada posta nos nenos. Destacou a “afección crecente” por este deporte e pediu a colaboración institucional para a súa promoción e difusión.
“En moitos dos países nos que competimos hai unha grande expectación polas probas e polos deportistas, e aquí en España está a crecer a afección; pero é unha tarefa de todos promover máis este deporte”, dixo. Na súa opinión, a costa galega reúne “boas condicións” para a preparación e é posible render a un alto nivel a partir dos programas de adestramento que se poden realizar nas costas galegas e do norte luso.
Ademais da convocatoria en Qatar, as próximas citas de Sandra Fernández serán os campionatos puntuables para a copa mundial en Sevastopol (maio), Ibiza (xuño), Liuzhou (outubro) e Dubai (decembro).
A deputada Marta Iglesias eloxiou a traxectoria de Sandra María Fernández e destacou o “mérito” que tivo ó longo da súa carreira. Ademais, agradeceu o apoio dos seus patrocinadores “para facer posible que siga competindo por todo o mundo ó máis alto nivel”.
Sandra foi campioa galega na categoría Jet Ski en 2005, 2006, 2011, 2012 e 2013. Foi a gañadora de mozas nas Mil Millas Náuticas (Denia-Ibiza, Volta a Ibiza e Volta a Palma de Mallorca) dentro da categoría Runnabout, no ano 1999; e foi segunda clasificada con Mozos F2. Tamén se proclamou en 2011vencedora da Copa Ibérica, entre España e Portugal, con mozos, na categoría Jet Ski F1.











