A Deputación de Ourense destina 12 millóns de euros a obras e servizos nos concellos da provincia
A Deputación de Ourense destinará este ano máis de 12 millóns de euros (12.147.000 €) para obras e servizos en todos os concellos da provincia. O pleno da corporación provincial aprobou hoxe inicialmente o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais 2015, resolución que se aproba por primeira vez na historia da institución provincial no mes de febreiro grazas a que os Orzamentos para este ano foron aprobados en outubro de 2014.
Pola súa banda, os concellos da provincia de Ourense achegarán un total de 1,6 millóns de euros para a co-financiación do Plan Provincial, que inclúe obras municipais, melloras na rede viaria da Deputación e a atención a concellos en situación de insuficiencia financeira manifesta. En total o importe destinado no exercicio 2015 para o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e estradas (incluíndo o plan complementario) ascende a 13.821.224 euros.
En canto ao orzamento destinado á rede viaria provincial increméntase nun 42 % con respecto do ano 2014 e ascende a 3,5 millóns de euros. Tamén se incrementan os fondos que a Deputación de Ourense destina a cada concello no Plan de Cooperación 2015, correspondendo a cada un deles un total de 50.000 euros, relación na que tamén se inclúe a Entidade Local Menor de Berán. Como novidade figura unha asignación de 3.000 euros para cada concello en concepto de honorarios para a redacción de proxectos técnicos.
A Corporación provincial aprobou tamén hoxe os estatutos do Consorcio provincial de Ourense para o Servizo contra incendios e salvamento. As competencias da Deputación de Ourense neste consorcio serán a de prestar os servizos de prevención e extinción de incendios nos concellos onde non se preste este servizo, co engadido dos servizos de salvamento, e as de garantir a prestación do servizo de protección civil e xestión de emerxencias, incluídos os servizos contra incendios e de salvamento, naqueles municipios que non conten con servizos propios, por non resultaren obrigados ou por teren obtida a dispensa deles. En concreto, o consorcio asumiría esta competencia nos municipios de menos de 20.000 habitantes que non conten con servizos propios.
Resumo dos acordos do pleno
RATIFICACIÓN DO ACORDO ACADADO O 12 DE FEBREIRO DE 2015 ENTRE A DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE, A REPRESENTACIÓN DE CCOO E O COMITÉ DE EMPRESA NA MESA XERAL DE NEGOCIACIÓN, PARA A MODIFICACIÓN DO ACORDO REGULADOR DAS CONDICIÓNS DE TRABALLO DO PERSOAL FUNCIONARIO E O CONVENIO COLECTIVO DO PERSOAL LABORAL, DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE.-
Acordo:
Ratificar o acordo acadado na Mesa Xeral de Negociación da Deputación Provincial, do 12 de febreiro de 2015, cos sindicatos CCOO e o Comité de Empresa da Deputación, para a modificación dos artigos 54 e 55 do acordo regulador do persoal funcionario e do convenio colectivo do persoal laboral.
DELEGACIÓN DE COMPETENCIAS EFECTUADAS POLO CONCELLO DE RAMIRÁS PARA A EXECUCIÓN SUBSIDIARIA DE DEMOLICIÓN DE CONSTRUCIÓN E RECLAMACIÓN DE CUSTOS EN VÍA EXECUTIVA.
Acordo:
Aceptar a delegación de competencia a favor da Deputación Provincial, efectuada polo Concello de Ramirás por acordo do pleno do 29 de xaneiro de 2015, para a execución subsidiaria da orde de demolición en procedemento de reposición da legalidade urbanística ao que se refire o dito acordo, así como para a recadación dos custos da dita execución subsidiaria e das multas coercitivas impostas polo Concello.
A aceptación da dita delegación queda suxeita ás seguintes condicións:
A Deputación Provincial asumirá os custos da execución subsidiaria, que lle reclamará ao interesado, podendo empregar, se é o caso, o procedemento de recadación executiva. Non obstante o anterior, en caso de que o interesado resultase insolvente ou falido no procedemento de recadación por causas non imputables á Deputación Provincial, os gastos soportados pola administración provincial poderán esixírselle ao concello en vía de regreso.
APROBACIÓN INICIAL DO PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN ÁS OBRAS E SERVIZOS MUNICIPAIS 2015(PLAN BASE) , CO DETALLE QUE FIGURA NA RELACIÓN DE OBRAS PARA O EFECTO REDACTADA.-
Acordo:
Aprobar inicialmente o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais 2015 (Plan Base), co detalle que figura na relación de obras para o efecto redactada, co seguinte resumo:
PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN E ESTRADAS
DEPUTACIÓN CONCELLOS TOTAL
1.- Obras municipais 4.124.999,09 € 1.532.364,21 € 5.657.363,30 €
2.- Réxime especial para concellos en situación de insuficiencia financeira manifesta 400.000,00 € 400.000,00 €
2.- Rede Viaria Deputación 2.000.000,00 € 2.000.000,00 €
TOTAL 6.524.999,09 € 1.532.364,21 € 8.057.363,30 €
PLAN COMPLEMENTARIO
DEPUTACIÓN CONCELLOS TOTAL
Obras municipais 4.071.000,00 € 140.861,13 € 4.211.861,13 €
Rede Viaria Deputación 1.552.000,00 € 1.552.000,00 €
Someter o Plan a información pública mediante anuncio no BOP, para que se poidan formular alegacións ou reclamacións durante o prazo de 10 días. Se se presentan alegacións ou reclamacións o Plan debe ser sometido novamente a Corporación Provincial, para o acordo de aprobación definitiva. No caso de que non se presenten alegacións ou reclamacións, o Plan entenderase definitivamente aprobado, sen necesidade de novo acordo.
EXPROPIACIÓN FORZOSA PARA A EXECUCIÓN DA OBRA DE MELLORA REXENERACIÓN DE FIRMES NA REDE VIARIA MUNICIPAL, N.º 43/POS/2014, NO IRIXO.
Acordo:
Arquivar o expediente de expropiación forzosa para a execución da obra denominada “Rexeneración de firmes na rede viaria municipal”, n.º 43/POS/2014, no municipio de O Irixo, declarando concluso o procedemento, ante o erro na denominación do proxecto, ao considerar que o dito defecto formal pode inducir a erro en canto ao seu contido, privando de eficacia ao trámite de información pública realizado.
Requirir ao Concello do Irixo para que proceda a cambiar a denominación do proxecto, axustándoa á realidade da obra proxectada, co fin de poder iniciar un novo procedemento de expropiación, unha vez emendada a deficiencia sinalada. En todo caso, na formación da relación de bens e dereitos do novo procedemento teranse en conta as alegacións da interesada.
EXPROPIACIÓN FORZOSA PARA A EXECUCIÓN DA OBRA DE MELLORA DA ESTRADA PROVINCIAL OU-1114 VILAR DE SANTOS-PONTELIÑARES, CLAVE 42/16/2014, EN VILAR DE SANTOS.-
Acordo:
Aproba-lo proxecto técnico da obra de mellora da estrada provincial “OU-1114 Vilar De Santos – Ponteliñares”, clave 42/16/2014, no concello de Vilar de Santos, así como anexo de expropiacións, no que se inclúe o plano parcelario e a relación de bens afectados.
Ter por declarada a utilidade pública das obras mencionadas, de conformidade co disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, de 28 de xuño, de estradas de Galicia.
Acordar definitivamente a necesidade de ocupación, con carácter urxente, dos terreos incluídos na relación de bens e dereitos afectados pola expropiación, de conformidade co previsto no citado artigo da Lei de estradas de Galicia.
N.ºPARCELA EXPEDIENTE N.º POLÍGONO/PARCELA CATASTRO TIPO PARCELA PROPIETARIO EXPEDIENTE M2
EXPROP
19 501/1082 Rústica Manuel Jardón Pérez 121,80
20 501/1104 Rústica José Manuel Jardón Pérez e outros 193,80
21 501/1103 Rústica Manuel Morales Jardón 146,10
22 501/1085 Rústica Josefa Barja Gándara 92,77
23 501/1086 Rústica Santos Nogueiras Jardón 36,07
24 501/1102 Rústica Isabel Rodríguez Jardón 172,76
25 501/1100 Rústica José María Losada González 37,68
26 501/1099 Rústica Castor Rodríguez Feijoo 8,10
27 501/1097 Rústica Celsa Rodríguez Feijoo 24,10
28 501/1101 Rústica José Pedrás Rodríguez 216,43
29 501/1096 Rústica José Jardón Feijoo e outra 49,80
Publicar e notificar este acordo aos interesados, de conformidade coa lexislación vixente.
APROBACIÓN DEFINITIVA DOS ESTATUTOS DO CONSORCIO PROVINCIAL DE OURENSE PARA O SERVICIO CONTRA INCENDIOS E DE SALVAMENTO.-
Acordo:
Aprobar definitivamente os estatutos do Consorcio Provincial de Ourense para o Servizo Contra Incendios e de Salvamento, conforme co acordo de resolución de alegacións da Comisión Xestora do 23 de febreiro de 2015,
O consorcio iniciará o seu funcionamento cos parques comarcais de Valdeorras, Verín, A Limia, e O Carballiño-O Ribeiro; a localización do resto dos parques, de ser o caso, deberá ser aprobada previamente pola Deputación Provincial de Ourense e a Xunta de Galicia.
No prazo máximo de tres meses dende a entrada en vigor deste decreto os Consorcios Comarcais de Valdeorras, Verín, A Limia e O Carballiño -O Ribeiro deberán desenvolver a correspondente sesión plenaria para a súa disolución e integración no Consorcio Provincial de Ourense para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, aportando os medios técnicos e os recursos cos que conten. Os bens, dereitos e obrigas contractuais vixentes asumidas polos consorcios comarcais, logo da súa integración quedarán asumidas polo consorcio provincial.
Como consecuencia do proceso de integración anterior, o consorcio provincial asume os bens, dereitos e obrigas contractuais dos citados consorcios comarcais, así como o persoal de xerencia existente, polo que resolverá o que proceder respecto da integración deste persoal a través da creación das correspondentes relacións de postos de traballo no seu cadro de persoal, acorde coas exixencias da configuración territorial que abrangue o ámbito de actuación dos parques de bombeiros.
Unha vez publicados no Diario Oficial de Galicia os presentes estatutos, o titular da Presidencia da Comisión Xestora procederá no prazo máximo de dous meses á convocatoria da sesión constitutiva do Pleno do consorcio, na que se elixirán as persoas titulares da Presidencia e Vicepresidencia do mesmo, do xeito establecido no artigo 9 dos estatutos, iniciándose o seu funcionamento.
Notificarlles este acordo aos interesados conforme coa normativa vixente.
Comunicarlle a aprobación definitiva á Xunta de Galicia para a adopción do acordo que proceda.
Designar como representantes da Deputación Provincial no Pleno do Consorcio, ademais do presidente (ao que lle corresponde a dita representación en todo caso, conforme co artigo 8 dos estatutos), ás seguintes persoas:
Titular: D. Plácido Álvarez Dobaño, deputado provincial do Grupo Popular. Suplente: D. Argimiro Marnotes Fernández, deputado provincial do Grupo Popular
Titular: D.ª Elvira Lama Fernández, deputada provincial do Grupo Socialista. Suplente:
D. Leopoldo Rodríguez Puga, deputado provincial do BNG.
APROBACIÓN DA MOCIÓN RELATIVA Á PRESCRICIÓN DOS FÁRMACOS DE ÚLTIMA XERACIÓN A PERSOAS DOENTES DE HEPATITE C.-
Acordo:
Instar ao Goberno galego para este se dirixir ao Goberno de España e exixir que se garanta o acceso ás novas terapias para as persoas doentes de Hepatite C que o precisaren, de acordo co criterio dos médicos/as especialistas.
Instar ao Goberno galego a tomar as medidas necesarias para que a terapia cos novos fármacos para a Hepatite C se dispense nas farmacias hospitalarias a aqueles doentes a que lle for prescrita por persoal médico especialista do Servizo Galego de Saúde, de xeito inmediato á súa prescrición.
Instar ao Goberno galego a suprimir a subcomisión para o Tratamento da Enfermidade Hepática, constituída na Consellaría de Sanidade, que valora a quen se lle aplican os tratamentos, por constituír un parapeto da administración e a coartada perfecta para negarlle o tratamento aos afectados/as.
Trasladar estes acordos ao presidente da Xunta de Galiza, á titular da Consellaría de Sanidade e aos grupos parlamentares do Parlamento galego.
APROBACIÓN DA MOCIÓN RELATIVA Á SITUACIÓN ACTUAL DO CAMPO DE FUTBOL DE HERBA SINTÉTICA DO COLEXIO SALESIANOS
Acordo:
A Deputación Provincial de Ourense en combinación co Concello de Ourense, realizarán todas as actuacións necesarias para adquirir os dereitos que lle correspondían a Club Deportivo Ourense sobre o campo de Salesianos, para poñelo a disposición dos equipos de Ourense que carezan de instalacións propias e demanden o seu uso.











