publicidade hoxe

A Deputación da Coruña saca a contratación o servizo de transporte ao Mosteiro de Caaveiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CapelaA Coruña
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases da contratación dos servizos de transporte de visitantes ao Mosteiro de Caaveiro para este ano, no que se mantén o punto de saída dende o Concello da Capela, unha novidade que se incorporou o pasado ano e que se suma ao xa tradicional situado no Centro de Interpretación das Fragas.

Así, os visitantes poderán elixir entre deixar o seu coche na entrada das Fragas do Eume para subir ata o monumento ou acudir ás Neves e estacionar no aparcamento da Ventureira.

O servizo para Semana Santa comezará o 27 de marzo e  prolongarase ata o 6 de abril, ambos os dous inclusive, mentres que a temporada estival se adiantará ao 20 de xuño e rematará o 6 de setembro. Este programa permite acceder en autobús ao mosteiro en temporada alta,  aínda que o  monumento permanece aberto a todo o que o desexe durante todo o ano.

O horario dos autobuses dende o centro de interpretación das Fragas do Eume é de 10.30 a 15.00 horas e de 16.00 a 22.00 horas, cunha periodicidade dunha hora. A saída será dende o Centro de Interpretación e faranse paradas na ponte de Caaveiro, no parque natural, no merendeiro, na ponte primeira e na ponte segunda.

No caso da saída dende As Neves, a base estará situada na Casa da Cultura e farase unha primeira parada no portal de Estoxa, onde os visitantes poderán recibir información turística da zona como o museo etnográfico da Capela, o parque do Sesín, a vella central eléctrica da Ventureira, as propias Fragas ou as distintas rutas a Caaveiro. Precisamente a seguinte parada será no museo etnográfico, onde se pode iniciar unha ruta ao mosteiro polo Pazo ou visitar o centro.

A seguinte parada será no parque etnográfico, en Gunxel, onde se pode gozar dunha vista de Caaveiro e iniciar outra ruta distinta. Por último, a cuarta parada será no aparcamento da Ventureira.

Quince días naturais

O orzamento do contrato ascende a 52.569,62 euros e as empresas interesadas en optar a el teñen un prazo de quince días naturais  contados dende mañá para presentar as súas ofertas.

Ademais do servizo de autobuses a Caaveiro, o contrato inclúe tamén o transporte para outras actividades complementarias que realice a Deputación, coma o traslado dende a sede provincial ata o Pazo de Mariñán para xornadas e congresos. As bases e condicións deste poden consultarse xa no perfil do contratante da web da Deputación.

O prazo de execución do contrato será dende o 27 de marzo, ou dende o momento que se formalice o contrato, ata o remate do ano.

24 de febreiro de 2015 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.