A Deputación aproba a concesión de 6,1 millóns de euros para contratar 1.467 desempregados para obras municipais
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou hoxe a concesión de 6,1 millóns de euros ós concellos da provincia de Pontevedra para que contraten un total de 1.467 desempregados para desenvolver obras municipais.
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, destacou que este plan será complementado con outra cantidade co fin de chegar ós 2.200 traballadores contratados. “E iso, a maiores do plan que xa aprobamos para que 200 titulados superiores se ocupen nos concellos, que empezarán a traballar o vindeiro 1 de abril, un plan para o que se presentaron 1.060 mozos e que conta con 200 prazas que estamos seleccionando”, afirmou.
O programa hoxe aprobado denomínase “Plan de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais 2015” e as súas bases foron aprobadas polo Pleno do pasado 30 de decembro.
Nel a Deputación achega esa cantidade e serán os concellos os que realizarán a selección do persoal e os que contraten os seleccionados.
Os contratados deberán ser desempregados inscritos na Oficina de Emprego e non perceptores de paro. Terán preferencia os candidatos que leven inscritos como demandantes de emprego máis dun ano; os que non fosen contratados polo Concello en 2015; os que teñan niveis de renda máis baixa; e os que teñan cargas familiares.
A contratación de traballadores será para a prestación de servizos mínimos municipais e regulouse en función dos habitantes do concello:
| Núm. de habitantes | Grupo 1 0-2000 |
Grupo 2 2.001-5.000 |
Grupo 3 5.001-10.000 |
Grupo 4 10.000-20.000 |
Grupo 5 20.001-50.000 |
|---|---|---|---|---|---|
| Núm. de traballadores | 14 | 20 | 24 | 30 | 34 |
| Categoría | Custo salarial total subvencionable por traballador |
| Calquera | 4.181,88 euros |
As axudas hoxe aprobadas pola Xunta de Goberno da Deputación serán para financiar, durante 6 meses, a contratación de traballadores a tempo parcial, en xornada de 25 horas semanais, co límite máximo de 4.181,88 euros por traballador.











