A defensa dos tres acusados polo roubo do Códice Calixtino volve pedir a nulidade do proceso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

A avogada da defensa dos tres acusados polo roubo do Códice Calixtino, Carmen Ventoso, volveu reclamar este xoves a nulidade de todo o proceso e das actuacións, ao tempo que deixou caer que algún das testemuñas da Catedral puido “incorrer en mentiras” na súa declaración ante o tribunal.

Na última xornada do xuízo, iniciado o pasado 19 de xaneiro, Ventoso reiterou a petición de absolución para os seus tres defendidos, ao tempo que volveu incidir en que todas as actuacións do proceso son “nulas” porque “derivan da repercusión da proba de sonorización” da casa familiar que foi anulada por atentar contra o dereito á intimidade.

Segundo apuntou Carmen Ventoso, “non consta en autos” que tras esa sonorización se realizara algunha dilixencia ou proba que levara á detención de Castiñeiras a excepción desas gravacións, que, ao quedar anulada, anularía á súa vez todo o procedemento.

A letrada volveu repetir nas súas conclusións finais os motivos de anulación para cada unha das dilixencias practicadas e advertiu de que as testemuñas da Catedral, principalmente o administrador Manuel Iglesias, incorreron en “contradicións” na súa declaración en sala. “Todos somos iguais ante a lei”, apuntou Ventoso, para quen é necesario determinar se estas testemuñas “incorreron en mentiras”.

Sobre o diñeiro, a letrada sostivo que proviña do traballo de Fernández Castiñeiras, algo que considera que quedou “probado”, e cualificou de “surrealista” a acusación de branqueo.

5 de febreiro de 2015 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.