A Coruña celebrará o Día Mundial dos Humidais cunha charla para os alumnos do IES Monte das Moas
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio que dirixe Enrique Salvador, organiza mañá luns, 2 de febreiro, con motivo do Día Mundial dos Humidais, unha xornada no IES Monte das Moas para achegar o coñecemento sobre estes valiosos ecosistemas. Así, os alumnos terán a oportunidade de recoñecer, por exemplo, os valores do encoro de Cecebre.
Os humidais, de grande interese polos seus valores faunísticos e florísticos, son destacados exemplos duns espazos naturais que merecen ser preservado. Ata fai non demasiados anos, estes ecosistemas eran considerados como lugares infectos, perigosos para a saúde pública, por abeirar insectos e outras especies animais condutoras de enfermidades. Hoxe, sábese que os humidais se achan entre os lugares máis ricos en vida vexetal e animal do planeta, e que o futuro de millóns de persoas en todo o mundo depende da súa conservación e fortalecemento. Ademais, as brañas son capaces de absorber importantes cantidades de carbono. A súa destrución, polo tanto, liberará un gas de efecto invernadoiro, o dióxido de carbono, mentres que a súa restauración e creación se traducirá na retención de máis carbono.
Este é o motivo que decidiu as autoridades mundiais en conservación a dedicar un día ao ano a reflexionar acerca da súa importancia crucial.











