A construción da rolda leste de Pontevedra sairá a licitación a vindeira semana por 2,5 millóns de euros
O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o proxecto, os bens afectados e a urxente ocupación dos terreos precisos para construír a rolda leste de Pontevedra, e resolveu as alegacións presentadas. A vindeira semana a Xunta de goberno da Deputación sacará a licitación a construción desta importante infraestrutura de comunicación para a cidade de Pontevedra e o seu contorno.
A obra ten un orzamento de 2,5 millóns de euros, dos cales 460.380 euros son para as expropiacións precisas.
No período de alegacións presentáronse 33. Só unha, que se rexeitou, demandaba a modificación do trazado previsto e propoñía levar a nova vía por unha zona máis ó norte e máis afastada da actual. O resto de alegacións, algunha das cales foi aceptada, referíase a valoracións e medicións dos terreos. A obra afecta a 33.473 m2 de terreos de 63 propietarios.
A obra é froito dun convenio entre a Deputación e o Concello de Pontevedra, que será o encargado de aboar as expropiacións precisas en solo non urbanizable, común e rural.
O traballo hoxe definitivamente aprobado consiste na construción da rolda leste de Pontevedra, que irá desde a estrada Ponte Bora-O Pino ata a PO-532, estrada Pontevedra-Ponte Caldelas, e inclúe o acceso a Montecelo e Príncipe Felipe.
A nova vía de circunvalación da cidade de Pontevedra terá dous carrís de 3,5 m, beiravías de 1 m e unha senda peonil de 4 m. Ó longo de 1 km construiranse 3 glorietas.











