A conselleira de Sanidade asegura que o equipo de urxencias do CHUS está ao 100%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, asegurou que o equipo de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) “está ao 100%” e recordou que “se aumentou” nos últimos anos malia que “seguen diminuíndo as urxencias hospitalarias”.

Así pronunciouse en declaracións aos medios de comunicación antes de participar nun acto no Hospital Clínico e despois de que este venres a CIG presentase 700 sinaturas co obxectivo de denunciar “a precariedade” na que os sanitarios se ven “obrigados” a traballar.

“Non se produciu ningunha redución de persoal, ao contrario, neste hospital, en concreto, aumentouse e agora reforzouse co pico da gripe e dos problemas respiratorios que estamos a ter, tanto en urxencias coma en planta, para poñer operativas todas as plantas, mesmo algunha máis das que estaban,” apuntou.

Neste sentido, tras recordar que “están a diminuír as urxencias hospitalarias” pero”aumentando en primaria”, vinculou as críticas formuladas pola CIG cun “momento de campaña sindical”. “Estamos nun momento de campaña sindical, entón, evidentemente, cada un ten que facer o seu traballo”, engadiu.

6 de febreiro de 2015 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.