A circulación entre Carril e Rubiáns queda restrinxida por obras en Juan Carlos I

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O tráfico rodado entre Rubiáns e Carril polo centro da cidade sufrirá restricións a partires de mañá e duranet varios días como consecuencia das obras de mellora do saneamento en Juan Carlos I. Esta travesía de enlace disporá dun só carril en sentido a Pontevedra polo que o tráfico interno terá que desviarse por outras vías, mentres que o de paso deberá usar a circunvalación norte. Os cambios e recomendacións estarán sinalizados debidamente nas estradas.

A renovación da rede municipal de saneamento en Juan Carlos I limítase ao tramo comprendido entre o paso de peóns da igrexa dos Pais Claretianos ata o comedor social de Cáritas. Por tratarse dunha travesía cunha densidade de tráfico moi elevada, será preciso desviar a circulación para garantir a fluidez da mesma.

Dende a Praza de Ravella e ata o cruce con Snta Lucía, a avenida limitarase durante as obras a un só carril da circulación que operará en sentido a Pontevedra. O tráfico con destino a Carril deberá desviarse en Ravella polo lateral do Concello, xirar na Praza de Xoán XXIII e seguir pola rúa Ramón López Piñeiro (a do asilo) para saír por Santa Lucía ou por Moreira casal cara o Ramal.

O tráfico procedente de Carril con destino a Rubiáns pode desviarse xa no Ramal por Rivero de Aguilar ou seguir polo único carril habilitado en Juan Carlos I.

A Policía recomenda que só se faga uso desta última opción cando sexa a única alternativa e aconsella aos vehículos de paso que se trasladen dun extremo a outro do municipio, que opten por usar circunvalación norte como enlace entre a PO 548 e a Nacional 640 para evitar retencións e verse atrapado en caravanas. Esta recomendación deberá terse en conta de xeito especial no caso de camións e vehículos pesados de grandes dimensións que, debido ás obras e á existencia dun único carril polo centro poderían quedar atrapados e formar un tapón.

Traballan con moito tento pola confluenza de servizos

As obras teñen como obxectivo renovar a rede de saneamento no tramo da Praza da Constitución. Por tratarse dunha zona moi urbanizada e dunha travesía principal, por esta vía discorren soterradas as canalizacións de todos os servizos (auga, luz, teléfono, gas…), polo que os traballos deberán realizarse con moito coidado para non tocar ningún deles e provocar avarías.

De feito, por motivos de seguridade, é posible que cando a obra estea máis avanzada sexa preciso cortar totalmente a circulación en Juan Carlos I para evitar as conducións do gas natural. Chegado o caso, avisaríase con tempo á cidadanía.

Reposición do firme

Ademais, aproveitando as obras do saneamento, a empresa concesionaria do abastecemento da auga tamén renovará a súa rede nese mesmo tramo. unha vez rematada a obra do saneamento, e tal como se recolle no proxecto, realizarase o fresado da capa de rodadura do firme en toda a sección transversal da vía e o asfaltado da mesmo. Tamén se reporá toda a sinalización horizontal.

Plan Municipal de Investimentos de 2014

Co proxecto de Acondicionamento da rede de saneamento preténdense resolver problemas en puntos conflitivos da rede nunhas zonas, e ampliar os servizos noutras. A obra adxudicouse a Covsa por 123.297’82 euros que se financian con cargo ao Plan Municipal de Investimentos 2014.

24 de febreiro de 2015 | 13:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.