A Casa Picasso inaugura mañá a mostra ‘A Coruña: as tempestades da adolescencia’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, por proposta da Concellaría de Cultura, informa de que o mañá, mércores 18 de febreiro, se abre ao público no baixo da Casa Picasso (rúa Paio Gómez, 14) a exposición fotográfica A Coruña: as tempestades da adolescencia, de Cecilia Orueta.

Son vinte fotografías de 30 x 42 centímetros (imprimidas con tintas pigmentadas sobre papel baritado) que retrotraen o espectador ao ambiente no que viviu Picasso os seus anos coruñeses. Lugares clave na súa etapa na cidade, como o cemiterio de San Amaro, o Eusebio da Garda, a rúa Real e outros moitos protagonizan as imaxes desta exposición.

As fotografías foron realizadas en 2013 e forman parte dun proxecto fotográfico que Orueta iniciou na Coruña e co que pretende recrear as distintas paisaxes e atmosferas que influíron en Picasso en cada unha das cidades e pobos de España nas que viviu antes de instalarse definitivamente en París, é dicir, A Coruña, Barcelona, Madrid, Málaga, Horta de San Juan e Gósol.

Catálogo con prólogo de Julio Llamazares

Como sentenza Julio Llamazares no catálogo da exposición fotográfica, “o paso de Picasso por Coruña foi moi breve, pero a pegada desta no internacional pintor é maior da que os propios coruñeses cren”. Engade o escritor leonés que “as fotografías de Cecilia Orueta recuperan o aroma dunha época que, non por xa afastada no tempo, desapareceu de todo e que nos evoca a un Picasso neno e adolescente que na cidade coruñesa coñeceu mentres aprendía a pintar o entusiasmo do namoramento e a melancolía da morte, a forza dos océanos e a fugacidade das cousas sólidas, comezando por esa Torre de Caramelo, que, a pesar das súas romanas pedras, se desfacía na néboa todas as noites como a propia vida dos coruñeses”.

Currículo de Cecilia Orueta

Cecilia Orueta (Madrid, 1963) empeza a súa andaina como fotógrafa dun xeito indirecto, utilizando a fotografía como ferramenta de traballo na súa profesión inicial, a restauración de pintura. Pouco a pouco, non obstante, a fotografía convértese na súa dedicación única e comeza a traballar como fotoxornalista á vez que realiza os seus primeiros traballos individuais.

Ao longo da súa traxectoria publicou traballos en prensa (El País Semanal, Siete Leguas, El MundoLa Crónica) así como dous libros: Elogio de la distancia (2008) e El fin de una cultura milenaria (2011)..

Realizou diversas exposicións e proxeccións de fotografía (no Escaparate de San Pedro, en Madrid, no XIII Encontro Internacional da Semana Negra de Gijón, de 2009, en PhotoEspaña 2011 e no Festival de Cine documental etnográfico e da natureza da Cabreira, León, do 2012) e as súas fotografías ilustraron as portadas de varios libros.

A mostra pode visitarse de martes a sábado de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas; e os domingos e festivos de 12.00 a 14.00 horas.

17 de febreiro de 2015 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.