A canteira celeste segue medrando con 6 xogadores no Fútbol Draft 2015
A canteira do RC Celta recibe un novo recoñecemento ao seu potencial no Fútbol Draft 2015, os premios do fútbol base español que se organiza ao abeiro dos estamentos oficiais do fútbol nacional. O club vigués, cun importante peso nas pasadas edicións destes galardóns, superou nesta ocasión o seu récord de nominados, e é que ata 6 canteranos céltico están entre os candidatos a alzarse con algún dos trofeos: Rubén, Jonny, David Costas, Santi Mina, Pape Cheikh e Brais Méndez.
En concreto o Celta aumenta nun xogador o seu número de nominados respecto ao ano pasado, no que Fútbol Draft outorgou o ‘Premio Especial de Apoio á Canteira’ ao club vigués como recoñecemento ao seu labor para potenciar e desenvolver a canteira. O porteiro Rubén Blanco, no ‘Once de Bronce 2014’; o dianteiro Santi Mina, no ‘Once de Prata 2014’; e os defensas Jonny e David Costas, no ‘Once de Ouro 2014’ repiten presenza nesta edición, mentres que os xuvenís Pape Cheikh e Brais Méndez debutan como nominados e confirman a súa extraordinaria proxección tras gozar recentemente da confianza do seleccionador Luis de la Fuente na Copa do Atlántico sub-18 celebrada a principios de febreiro.
En total 132 mozos fútbolistas, de entre 16 e 20 anos, foron incluídos nesta primeira lista de Fútbol Draft que elaborou un Comité Técnico composto por membros das máximas institucións futbolísticas españolas así como de ex xogadores e referentes da prensa deportiva nacional. Nas próximas semanas o número de nominados reducirase a 77, deste corte pasarase ao 55 e finalmente ao 33, onde se decidirán os integrantes dos onces de Ouro, Prata e Bronce da canteira española.
A canteira céltica recibe deste xeito un novo apoio, un recoñecemento máis ao arduo traballo que o RC Celta realiza co soporte crave da Fundación Celta para dotar de solidez e futuro ao fútbol base do club. O mérito non só é do Celta como institución, senón de todos cantos forman parte do celtismo, en especial unha afección que dende o primeiro momento recolleu con ilusión e confianza a aposta do club por construír un proxecto de canteira que non deixou de madurar e crecer grazas ao apoio de toda a familia celtista.











