A cantante Tulsa e os percusionistas de Odaiko visitan o Auditorio Municipal de Ourense
Hoxe cúmprense 178 anos do nacemento de Rosalía de Castro. Dentro dos numerosos actos de homenaxe a unha das máis importantes escritoras galegas, o Concello de Ourense desenvolve estes días unha campaña de promoción da súa figura e da súa obra nos autobuses urbanos.
Pola súa banda, continúa a axenda cultural do Auditorio Municipal, que trae esta semana á cantante Tulsa, en colaboración do Café Torgal. Tulsa presenta un terceiro elepé que supón un xiro creativo na súa carreira onde, ao seu particular universo, engádelle agora texturas electrónicas, caixas de ritmos, e outros trebellos que conforman un son contemporáneo, onírico e sempre cativador. O concerto será o venres ás 21 h. Para o sábado e o domingo, a programación reserva dúas actividades centradas no público infantil e familiar como son Vaia Circo, da compañía Odaiko, e O Souto dos Prodixios da compañía Producións Dispersas. Vaia Circo – o sábado ás 18.30 h -, trátase dun espectáculo que nos levará a unha viaxe por novos instrumentos e ritmos, e O Souto dos Prodixios – domingo ás 12 h e 17.30 h -, converterá o Auditorio nun lugar máxico onde nada é imposible baixo os castiñeiros.
A maiores desta programación, continúan as proxeccións da película A Esmorga o sábado ás 20.30 h e o domingo ás 18 h.
A programación desta semana complétase co concerto que a Banda Municipal de Ourense ofrece o venres no Liceo á partir das 20 h.











