A cachucha busca converterse en Festa de Interese Turístico de Galicia
A área de Turismo do concello do Carballiño está a iniciar os trámites para que a Festa da Cachucha sexa declarada de interese turístico de Galicia. Así o adiantaba a edil desta área carballiñesa, Pilar Caride, quen sinalaba que “nestes momentos cumprimos todos os requisitos para solicitar esta declaración, e ademais consideramos que a nosa festa da cachucha ten suficiente importancia como para ser declarada de interese turístico, tanto pola tradición local, coma polos visitantes que acoden a ela cada ano”.
Entre os requisitos para poder solicitar esta declaración de interese turístico de Galicia, esta o de ter cumpridas xa as XX edicións ininterrompidas. Este ano a Festa da Cachucha cumpre a súa XXI edición. Nestes 21 anos a festa foi evolucionando, marcada esta evolución polos gustos e as demandas dos asistentes, ata chegar á que coñecemos hoxe en día, que reúne a miles de persoas ao redor dun bo cocido de cachucha.
A declaración de festa de interese turístico de Galicia permitiría á Cachucha colocarse entre moitas das festas do territorio autonómico e, por consecuencia, contar coa difusión e o apoio das institucións galegas a nivel de turismo. Así mesmo poderíase optar a subvencións destinadas, exclusivamente, a estas festas de interese galego. Para Pilar Caride “dende O Carballiño coñecemos xa o interese que esperta esta festa, pero cremos que é o momento de dar un paso a diante, para o que é imprescindible contar con esta declaración autonómica”.
Precisamente, entre as novidades que incorpora este ano a Festa da Cachucha, este venres e este sábado celebrarase na Praza de Abastos, dúas xornadas de cociña en directo, con dous prestixiosos cociñeiros, que crearán pratos baseados na cachucha, comprando todos os ingredientes na propia praza, e ofrecendo a todos os asistentes á súa degustación. Esta actividade está aberta a todos os veciños e veciñas que queiran acudir á praza. Esta iniciativa está dirixida tanto a modernizar a festa coma a dinamizar a praza de abastos carballiñesa.
Non será esta a única festa carballiñesa que buscará esta declaración de interese turístico xa que, segundo adiantaba a edil de Turismo, outras como a do Viño Novo de Cabanelas “tamén merecen esta categoría autonómica, e niso traballaremos tamén dende o concello”.











