publicidade hoxe

A Biblioteca Pública de Ourense acolle a proxección do documental “Angrois no esquecemento”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOurense
A-
A+

O acto que terá lugar o día 6 de febreiro ás 20h. está organizado polo Sindicato Ferroviario Intersindical e participará o seu Secretario Xeral, Fco Rafael González Escudero ademais de membros do Colectivo Audiovisual Lentes Diverxentes que realizou a película.

Ano e medio despois da traxedia do Alvia 04155 en Angrois, as vivencias persoais e as interrogantes sobre por que descarrilou o tren aquel 24 de xullo seguen no pensamento dos que lles tocou estar alí. Vítimas, familiares, profesionais dos servizos de urxencia e persoas anónimas que colaboraron no rescate son a única voz deste documental de testemuñas. Intentan ir superando aquela data, recordando os seus, mentres acusan as institucións de facer todo o posible para deixar Angrois no esquecemento sen esclarecer a verdade.

Despois do desconcerto dos primeiros momentos, as vítimas e as familias seguen a loitar pola creación dunha comisión de investigación no Parlamento na que se depuren as responsabilidades políticas deste caso. Esixen que se reparen os danos causados e que se garanta que se tomarán todas as medidas necesarias para evitar que un accidente semellante poida ocorrer.

O documental Angrois no Esquecemento está narrado por unha vintena de! voces que, con repouso e reflexión, intentan asimilar e explicar o que supuxo! nas súas vidas a traxedia do Alvia: familiares que se esmeran por superar as ausencias que deixou o accidente; superviventes que loitan coas secuelas físicas e psicolóxicas daquela data; profesionais que admiten como se viron superados pola magnitude da traxedia, e que narran o que tardaron en asimilar xornadas interminables de traballo nas que perderon a noción do tempo; e veciños e persoas anónimas que se botaron ás vías sen pensalo e a quen conveteron en heroes sen eles buscalo.

O colectivo audiovisual Lentes Diverxentes comeza a súa andaina coa idea de contribuír ao cambio dunha sociedade na que hai voces que non se chegan a escoitar. Ese é o proxecto dun grupo de catro persoas que, de xeito desinteresado, altruísta e autofinanciado trata de sacar á luz problemáticas sociais desde o punto de vista de quen as padece.

A proxección de mañá venres ás 20:00 na Biblioteca Pública de Ourense farase coa colaboración do Cineclube Padre Feijoo. Está previsto que ao remate da película inteveña parte do equipo para contar como xurdiu este proxecto e o seu desenvolvemento. Ademais participará o Secretario Xeral do Sindicato Ferroviario Intersindical, Fco Rafael González Escudero, que poderá axudar a esclarecer as causas do accidente, a actitude das administracións durante o proceso de investigación e a seguridade ferroviaria fronte aos criterio e ás axendas políticas.

5 de febreiro de 2015 | 12:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.