A biblioteca da praza de España conmemora o nacemento de Rosalía de Castro entregando marcapáxinas
A Biblioteca Municipal de Praza de España repartirá mañá martes día 24 un marcapáxinas cuns versos de Rosalía de Castro a todos os usuarios que leven en préstamo un libro, revista ou outro elemento, para conmemorar o aniversario do nacemento da autora galega. Aquelas persoas que tomen en préstamo un libro en lingua galega tamén recibirán unha flor.
O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Normalización Lingüística, que dirixe Martina Aneiros Barros, súmase á proposta “Eu son Rosalía” da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) encamiñada a afondar no coñecemento da obra rosaliana. A Biblioteca Municipal Central tamén acolle até o día 27 a exposición de paneis con poemas ou versos de Rosalía de Castro en diferentes puntos do edificio así como fermosas tarxetas con frases da autora galega.











