A Asemblea de Movementos Sociais de Vigo condena a actuación “paramilitar” en Coia
O colectivo quere expresar a súa solidariedade cos feridos pola represión policial levada a cabo polos axentes durante o traslado do Alfageme e cualifica de vergonzoso e desproporcionado o custoso dispositivo utilizado, cuxos axentes mostraron en todo momento unha actitude máis ameazante que disuasoria e fixeron gala en numerosos momentos de perda da serenidade que o seu ordenamento esixe ante unha protesta que en todo caso foi pacífica. Durante a noite de onte sucedéronse varias cargas aos opositores, requiriuse axuda médica e os veciños foron asediados en numerosas ocasións cando intentaban impedir o avance do barco, nunha xornada de seis horas de tensión.
O grupo chama á reflexión sobre o talante democrático que pode ter un alcalde que esixe para o que chamou no seu día “un reducido grupo” semellante despregamento de corpos antidisturbios, e confía en que os sucesos de onte e as súas incómodas imaxes lle fagan comprender que “ter” que custodiar obras con cordóns policiais é un símbolo claro do rexeitamento que a cidadanía presenta ante as súas políticas de dispendio e invisibilización da pobreza. Onte á noite, a cidade berrou alto e claro a súa condena e a palabra máis coreada foi “vergoña”; efectivamente, moitos sentimos tanto orgullo pola exemplar resposta cidadá como absoluta vergoña ante a contundente represión dun alcalde máis propio dun estado feudal.











