A área de Xuventude abre o luns o prazo de inscrición para o certame Lidera Ferrol
A Concellería de Igualdade e Xuventude do Concello de Ferrol, que dirixe Verónica Casal Míguez, abre o vindeiro luns, día 9 de febreiro, o prazo de inscrición e presentación de obras da cuarta edición do certame “Lidera Ferrol 2015”. Así, as persoas interesadas en participar nesta proposta deberán entregar as súas obras xunto coa documentación requerida no Rexistro Xeral do Concello ata o día 9 de abril. “Lidera Ferrol 2015” pretende premiar e poñer en valor o talento creador e artístico dos mozos e mozas da cidade.
Esta nova edición repartirá un total de 8.000 euros entre os tres primeiros clasificados de cada unha das oito modalidades do certame, que son: Curto/Videoarte; Deseño de soportes dixitais; Fotografía; Música; Deseño e desenvolvemento dun produto; Cómic/Relato curto; Pintura/Escultura e Teatro/Danza. “Lidera Ferrol 2015” vai dirixido a mozos e mozas, de maneira individual ou colectiva, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos (ambos incluídos). Ademais, deberán cumprir os requisitos recollidos nas bases que rexen a convocatoria.
En canto aos premios en metálico, establécense galardóns para os tres primeiros clasificados de cada categoría, cun primeiro premio de 600 euros; un segundo de 300 euros e un terceiro de 100 euros. Así, os diferentes premios serán outorgados por un xurado que valorará a orixinalidade, deseño, técnica e calidade artística das obras.











