Zonas húmidas, agricultura ecolóxica e mudanza climática na programación de actividades en Montealegre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A concelleira de Medio Ambiente, Susana Bayo, presentou esta mañá nunha rolda de prensa en Montealegre as actividades programadas no parque para o inicio deste ano 2015. Organizaranse tres cursos destinados a adultos: zonas húmidas, mudanza climática e agricultura ecolóxica; e outros tres para nenos e nenas: zonas húmidas, entroido e hortos infantís.

Todos os cursos son gratuítos e xa se pode formalizar a inscrición, desde hoxe mesmo na Concellería de Medio Ambiente, a través da web www.botanicodemontealegre.com ou no teléfono 988388135. O calendario dos cursos é o seguinte:

Adultos/as:

– 31 de xaneiro, 16:30 h: Zonas húmidas e a súa importancia: charla-coloquio onde se explicará que é unha zona húmida e se plantarán especies.

– 14 de marzo, 17:30 h: Agricultura ecolóxica. Principios básicos da agricultura ecolóxica, coa explicación de sementes, o xeito de plantar e a elaboración de caldos de uso común.

– 24 de marzo, 17:30 h: Mudanza climática. Proxección de documental e charla coloquio, conmemorando o día meteorolóxico mundial.

Nenos/as:

– 1 de febreiro, 11:30 h: Zonas húmidas: pequena charla, e actividade na que os nenos e nenas reproducirán con plastiliña o explicado.

– 15 de febreiro, 11:30 h: Entroido. Os nenos e nenas fabricarán as súas máscaras e disfraces coas follas do parque.

– 15 de marzo, 11:30 h: Hortos infantís. Aprenderán a cultivar o seu propio horto, descubrindo as verduras, aprendendo a sementar, colleitar e coidar o terreo. Esta actividade celebrarase un domingo de cada mes.

8.138 visitantes en 2014

Na presentación de actividades, a concelleira fixo balance dos visitantes que acolleu Montealegre durante o ano 2014 que vén de rematar. Un total de 8.138 persoas acudiron a desfrutar da zona e o seu entorno, obradoiros, actividades ou concertos. Esta cifra supón un incremento dun 25% no número de visitantes con respecto ao ano anterior, 2013, que recibira 6.207. Dos visitantes, ao redor dun 10% son de fóra da provincia de Ourense.

Tamén durante o ano 2014, realizáronse dúas plantacións: un arboretum de 16 árbores de sete especies diferentes, e o bosque de Eixo Atlántico, con 35 árbores representativas de cada concello membro do Eixo. En decembro de 2014 e este mes de xaneiro, incorporouse un novo arboretum con 462 exemplares entre árbores e arbustos.

Con estas plantacións, Montealegre conta a día de hoxe con 512 novas plantas pertencentes a 134 especies, das cales 82 son arbóreas e 52 son arbustivas ou herbáceas.

27 de xaneiro de 2015 | 13:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.