publicidade hoxe

Xuventude promove que os mozos enriquezan o seu currículo con programas de educación non formal

Ovidio Rodeiro na visita ao CIFP Politécnico de Santiago

Ovidio Rodeiro na visita ao CIFP Politécnico de Santiago

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, asistiu hoxe a unha demostración das actividades levadas a cabo por tres grupos informais de mozos e mozas, alumnos do CIFP Politécnico de Santiago de Compostela, que desenvolveron tres proxectos relacionados co ámbito da Química e que foron financiados polo programa de axudas ‘Iniciativa Xove’, da Consellería de Traballo e Benestar .

O primeiro dos proxectos, Ecovida, mostrou ao alumnado de diferentes centros de ensino os usos e aplicacións dun biorreactor, especialmente no tratamento de residuos putrescibles, intentando espertar na mocidade unha certa inquedanza científica. Para iso, realizouse unha serie de experiencias nun laboratorio para a súa posterior difusión nos centros composteláns mediante a repartición de contidos audiovisuais ao profesorado.

O proxecto Spin Air, baseouse na determinación de contaminantes presentes no aire a partir da mostraxe co Spin Air (mostraxe automatizada, compacta, sinxela e portátil, que avalía a contaminación microbiana do aire). Tratouse de avaliar a carga microbiana presente no aire nun bar compostelán e, posteriormente, mostrarlle os resultados aos estudantes para conciencialo da contaminación presente en áreas interiores que se frecuentan a diario.

Por último, o obxectivo principal de Xogando coa química foi o de mostrarlle o mundo da química ao alumnado da ESO e de bacharelato, a través de certos trucos visuais químicos de materiais da vida diaria. Elaborouse material didáctico que se distribuíu nos centros educativos de Santiago e da súa comarca.

Rodeiro recordou que grazas a ‘Iniciativa Xove’, os mozos e mozas “poden demostrar a súa capacidade para organizar os seus propios proxectos, ao tempo que se estimula o protagonismo, a creatividade e o liderado xuvenil”. Deste xeito, este tipo de programas de educación non formal conleva o desenvolvemento de valores como as aptitudes comunicativas, organizativas e de planificación, o traballo en equipo, o sentido da iniciativa ou a autoconfianza, autonomía e iniciativa persoal.

‘Iniciativa Xove’ forma parte dos programas de renovación das políticas de xuventude, que xira en torno a xestionar actuacións baseadas na adquisición de novas competencias a través da educación non formal. Benestar financiou o pasado ano con 500.000 euros, a través de ‘Iniciativa Xove’, 140 proxectos en Galicia de educación non formal, que realizan 700 mozos pertencentes a grupos informais, así como asociacións e entidades xuvenís.

16 de xaneiro de 2015 | 11:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.