Xuventude anima os domingos cunha programación exclusiva para cativos en Fexdega
O inverno, a choiva, o frío, ou as escasas horas de luz non suporán impedimento algún para que os nenos e nenas de Vilagarcía poidan divertirse durante as fins de semana. Con esta finalidade, a Concellería de Xuventude pon en marcha a vindeira semana un programa de espectáculos infantís e familiares que se desenvolverán os domingos pola tarde en Fexdega. Haberá teatro, contacontos, ilustracións, maxia e monicreques e a entrada será libre e sen límite de prazas.
A primeira iniciativa que pon en marcha en 2015 o departamento que dirixe Sandra García está dirixido ao público infantil, xa que é ao que máis lle afectan as inclemencias meteorolóxicas no que é o seu tempo de ocio, xa que as tardes ao aire libre e nos parques infantís acúrtanse moito en inverno e non sempre son posibles. Por iso, a partir do 18 de xaneiro, Xuventude organiza un ciclo de espectáculos para nenos e nenas que se desenvolverán os domingos pola tarde en Fexdega. As actividades prolongaranse ata o 11 de maio e estarán protagonizadas por varias compañías especializadas en espectáculos e animación infantíl.
A elección de Fexdega decidiuse por varias razóns. A primeira porque simplemente o hall, lugar onde esta prevista que se monten os espectáculos, triplica o espazo da Praza da Peixería que se viña utilizando ata o de agora para este tipo de actuacións durante os meses de inverno. Por outro lado, o recinto da Maroma adecúase perfectamente ás necesidades dos cativos posto que poderán asistir aos espectáculos con comodidade, xa que o pavillón ademais de ser moi amplo e cuberto, dispón de aseos e zonas verdes que se poden aproveitar para o esparexemento de toda a familia. Hai que ter en conta, ademais, a dispoñibilidade de aparcamento público gratuíto e que en cuestión de meses o recinto gañará máis atractivo aínda coas melloras previstas tanto no interior como na parte exterior, na que se instalarán diversos xogos e zonas deportivas.
Ademais de proporcionar unha alternativa de ocio para os máis pequenos da casa, este ciclo de espectáculos atópase na liña marcada polo goberno local de converter o recinto de Fexdega na maior zona de esparexemento do municipio, dinamizando todo o recinto con novos equipamentos e actividades.











