Xosé Manuel Beiras participará o mércores 14 nos Almorzos On/Off de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A demarcación da Santiago do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), coa colaboración de Sargadelos, organiza este acto que dará comezo ás 11:00 horas co ‘OFF’ para colexiados, para dar paso despois ao ‘ON’, a rolda de prensa de libre acceso, ás 11:45. Os medios gráficos poderán tomar imaxes, non audio, antes, durante, e tras o almorzo, e tamén durante a rolda de prensa.

Por motivos de organización, para poder asistir ao ‘OFF’ para colexiados é imprescindible inscribirse enviando un mail a xornalistas@xornalistas.com ou chamando ó 981 93 56 70. Aforo limitado.

Xosé Manuel Beiras

Xosé Manuel Beiras Torrado (Santiago de Compostela, 1936) estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e Ciencias Económicas na Universidade da Sorbona e a Escola de Economía de Londres. Desde 1980 é catedrático de Estrutura Económica na Universidade de Santiago de Compostela. É autor, ademais, de numerosas obras de ensaio e análise política e económica.

A súa carreira política comeza o ano 1963 como membro fundador do Partido Socialista Galego, do que asumiría o cargo de secretario xeral no 1971. No 1982 participa da constitución do Bloque Nacionalista Galego (BNG), polo que é elixido para o Parlamento Galego en 1985, escano que vai manter até 2005. Entre 1982 e 2002 é ademais portavoz nacional do BNG. En 2012 abandona o BNG xunto co Encontro Irmandiño e participa na fundación de Anova-Irmandade Nacionalista, que se presentará ás eleccións galegas xunto con Esquerda Unida como AGE. Desde ese ano, volve ter escano no Parlamento galego, sendo voceiro de AGE na cámara galega.

Almorzos ON/OFF

Esta nova rolda de encontros comezou o pasado 23 de outubro con Anxo Quintana, continuando con Xoán Bascuas, Xavier Vence e Carolina Bescansa, e está previsto que acudan a eles diversos dirixentes de todas as formacións políticas.

Os ‘Almorzos On/Off’ lévanse realizando desde febreiro de 2005, organizados polo CPXG en varias das súas demarcacións. Estes encontros cos xornalistas, que actualmente se realizan tamén na Coruña, pretenden fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.

9 de xaneiro de 2015 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.