Xornada sobre “O Destino de Cruceiros” no Porto de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVigo
A-
A+
Xornada "O Destino de Cruceiros"

Xornada “O Destino de Cruceiros”

O Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, defendeu hoxe a necesidade de manter e mellorar a posición de Vigo como primeiro porto do Norte de España en pasaxeiros de cruceiro con motivo da inauguración dunha xornada especializada en “O Destino de Cruceiros”.

Segundo indicou o máximo responsable portuario ante máis dun centenar de persoas participantes neste curso organizado pola propia Autoridade Portuaria de Vigo en colaboración coa Deputación de Pontevedra, as cifras totais reafirman o tráfico de cruceiros como o principal medio de entrada de turismo á cidade, ao superar en 2014 os 243.000 visitantes, entre pasaxeiros e tripulantes.

“Isto é posible, sinalou, grazas á colaboración de entidades como a Deputación de Pontevedra, así como ao esforzo investidor da Autoridade Portuaria de Vigo” que nos últimos anos investiu máis de 10 millóns de euros na adecuación das infraestruturas portuarias destinadas ao tráfico de cruceiros, renovando, ademais, un ámbito situado no centro da cidade, tamén para desfrute dos cidadáns de Vigo.

Un negocio rendible para Vigo

En canto ás previsións de 2015, o Presidente portuario avanzou que “se superarán as cifras rexistradas en 2014”, o que, ao seu xuízo, require tamén promover o destino. “Pola nosa banda, seguiremos facendo de Vigo o primeiro porto en número de pasaxeiros de todo o noroeste de España, porque aínda que para o Porto non é un negocio rendible, si o é para a cidade”.

Neste sentido, destacou o importante esforzo que a Autoridade Portuaria de Vigo realiza todos os anos na captación deste tráfico, na promoción do porto e do propio destino, que nesta industria forman un tándem case indisoluble. Así, recordou que a institución que preside visita armadores en EUA e en Europa todos os anos, e mesmo, cando é posible, fai que os decisores das armadoras veñan a visitar Vigo. Acode, ademais, a todas as feiras internacionais do sector promovendo Vigo nesta industria, e participa nas iniciativas que se realizan dende as asociacións de promoción europeas ás que pertence.

Un sector con futuro

Segundo explicou, a dobre escala do Oasis of the Seas no Porto de Vigo en 2014 “demostra a nosa capacidade operativa, froito deses investimentos en infraestruturas e seguridade que garanten un futuro alentador para o tráfico de cruceiros no Porto de Vigo”. Un sector que, asegurou, “ten futuro”, polo que dende a Autoridade Portuaria de Vigo seguiremos apostando polo tráfico de cruceiros en beneficio de Vigo, pola súa imaxe e a súa repercusión económica na cidade”.

Por iso, López-Chaves agradeceu publicamente o apoio da Deputación de Pontevedra na organización deste curso e, segundo matizou, “é a Administración que colabora connosco en materia de promoción turística do destino de cruceiros”.

O 12% do PIB provincial

Pola súa banda, Montserrat Otero, representante do organismo Turismo Rías Baixas, recordou que este sector representa case o 12% do PIB provincial e afecta a miles de empresas, ademais de dar emprego directo e indirecto a 40.000 persoas.

Segundo indicou durante a súa intervención, “o destino Rías Baixas preséntase cargado de oportunidades para os visitantes que anualmente chegan a Vigo por mar dende Europa, América ou Asia pola variada oferta do noso ámbito, a calidade desta, e o elevado grao de especialización que alcanzamos”.

Neste sentido, destacou a “privilexiada posición xeoestratéxica” deste enclave como “porta aberta ao Atlántico, emprazada no centro da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal” e a “seguridade e confortabilidade da nosa ría, que garante posibilidades de atraque os 365 días do ano”, o que “converten a Vigo nun dos mellores destinos cruceirísticos da península e tamén da fachada atlántica europea”.

Un sector que resiste á crise

“O turismo está a mostrarse como un dos sectores que mellor resiste fronte á crise, achegando modelos de negocio cunha impresionante capacidade para o crecemento e reivindicándose ano a ano como unha das ramas de actividade estratéxicas na provincia, en Galicia e en España”, indicou.

Así mesmo, citou as novas infraestruturas como o AVE, a ampliación de Peinador, a Autoestrada do Mar ou a autovía Transcantábrica, ás que se referiu, como “unha oportunidade de crecemento económico e tamén turístico, xa que achegarán nun radio de entre catro e cinco horas unha poboación que supera os 10 millóns de habitantes”.

Segundo afirmou, a provincia de Pontevedra concentra hoxe en día o 43% da oferta de aloxamento que ten toda Galicia e as súas praias contaron en 2014 con preto de 60 bandeiras azuis que converteron ás Rías Baixas nun dos territorios europeos cunha mellor catalogación ambiental das súas costas. Por iso, dende a Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas, “apostamos por converternos en promotores de iniciativas para o sector turístico, facendo das Rías Baixas un destino competitivo, diferenciado e fiable”.

Hoxe as Rías Baixas sitúanse entre os sete destinos máis demandados polo turista en España e ocupan o quinto lugar nacional en número de pernoctacións de viaxeiros. “O noso obxectivo é continuar esta liña ascendente mellorando a coordinación, a calidade, a profesionalización, a eficiencia e moi especialmente a innovación”, concluíu.

22 de xaneiro de 2015 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.